Esta tarde do luns o alumnado de 1º de Bacharelato e de 3º ESO asistiu no salón de actos ao concerto do músico Xoán Curiel. Este concerto enmárcase no proxecto "Cantigas e murais para o coñecemento do Reino Medieval da Galiza" a través do certame "Fondo de proxectos culturais Reino da Galiza 2023" da Deputación da Coruña.
O músico presentou o seu sétimo disco Treides comigo! no que pon música ás cantigas da nosa lírica medieval galego-portuguesa, pezas de hai 800 anos que actualiza de xeito contemporáneo e que son as orixes da nosa lingua galega.
Estivo acompañado por Carlos Freire, un dos percusionistas galegos máis recoñecidos cunha moi ampla formación en percusión galega, árabe, latina e doutros países, ademais de formarse como batería no ámbito do jazz e neste disco de Curiel participa con instrumentos como o bendhir, a derbouka ou o bombo galego.
No proxecto tamén participa a pintora e muralista Raquel Xermade que deseñou este fermoso mural sobre a figura da soldadeira medieval María Balteira para decorar unha das portas da cafetería.
Mural de Raquel Xermade |
Aquí vos deixamos un vídeo resumo do fantástico concerto no que ademais tocaron e cantaron varias alumnas e alumnos do noso centro e que tanto puidemos desfrutar!
Ningún comentario:
Publicar un comentario