Biblioteca e EDLG do IES MONTE DAS MOAS
"Ler é soñar da man do outro" Fernando Pessoa

venres, 27 de febreiro de 2026

VISITA AO MUSEO CARLOS MASIDE E CERÁMICAS DO CASTRO

O venres, 27 de febreiro, en colaboración cos institutos Eusebio da Garda e Otero Pedraio da Coruña e o CEIP de Bergondo fomos a Sada para visitar a fábrica de Sargadelos e o Museo de arte contemporánea Carlos Maside. Ademais de ser unha mañá de convivencia, puidemos ver todo o proceso de fabricación dunha peza de Sargadelos e tamén visitar o Museo. Levamos un caderno de bitácora que o alumnado tivo que ir contestando a medida que avanzaba a visita. A verdade é que foi unha marabilla de visita.

Un pouco de historia
A creación do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside foi o segundo dos proxectos que inaugurou o Laboratorio de Formas en 1970. O Museo, que leva o nome dun dos artistas máis importantes do movemento renovador da arte galega (ao parecer, idea de Rafael Dieste), estaba pensado, segundo Luís Seoane, para conservar e exhibir, partindo de Castelao como xerme da renovación, as obras da arte galega da xeración de artistas dos anos trinta do pasado século, a que rompeu coas normas tradicionais da plástica galega e que era descoñecida a causa da morte, do exilio exterior ou interior e do esquecemento que sufriron gran parte dos seus membros logo da Guerra Civil e da instauración da ditadura franquista. Tamén se recollía no proxecto a conservación e a exhibición das obras dos artistas das xeracións posteriores. Para a creación do Museo asinouse un convenio entre o Laboratorio de Formas e Cerámicas do Castro  en febreiro de 1970. En 1982, o Museo trasladou a súa sede definitiva ao edificio deseñado por Andrés Fernández-Albalat, unha construción de tres plantas, con doce salas de exposicións e un auditorio deseñado por Díaz Pardo. A colección consta de 2100 obras, 500 delas en exposición permanente. Na planta baixa, móstranse as obras de Castelao e do movemento renovador, as dos artistas e movementos desde a Guerra Civil ata a actualidade na segunda, mentres que a terceira está dedicada ao debuxo humorístico e ao cómic.











mércores, 4 de febreiro de 2026

2ª Sesión de "Café con letras"

    O 28 de xaneiro celebrouse a segunda sesión de "Café con letras", o noso Club de lectura de adultos, constituido por persoal docente e non docente. Limos o libro de Abril Camino, Mulleres que viven xuntas, unha novela que resultou gañadora do XLII Premio Xerais de Novela 2025
    Trátase dunha historia emotiva e coa carga histórica e social que acompaña a vida de dúas mulleres, Isabel e Chus, ao longo de décadas. Despois de pasar a infancia en Londres, Isabel regresa á súa aldea preto de Compostela nos anos 60 e comeza unha relación profunda con Chus, mestra do pobo que coidou da súa nai. O seu amor, cheo de intensidade e complicidade, vai desenvolverse en segredo debido ao medo aos estigmas sociais e á represión franquista, afectando a súa forma de vivir e de amar.
    Gustounos moito, valoramos a súa sensibilidade, a súa capacidade de conmover e a forza das protagonistas, facendo desta obra unha lectura intensa, delicada e memorable, que combina amor, historia e retrato social nunha Galicia do século XX.





 

Lecturas para o Día Internacional da Muller e a nena na Ciencia


O 11 de febreiro celebraremos o Día Internacional da Muller e a nena na Ciencia. Durante este mes xa tedes no expositor da biblioteca os libros adicados a mulleres referentes neste campo, así como obras de autoras interesantes. Vide a investigar!