O 28 de xaneiro celebrouse a segunda sesión de "Café con letras", o noso Club de lectura de adultos, constituido por persoal docente e non docente. Limos o libro de Abril Camino, Mulleres que viven xuntas, unha novela que resultou gañadora do XLII Premio Xerais de Novela 2025.
Trátase dunha historia emotiva e coa carga histórica e social que acompaña a vida de dúas mulleres, Isabel e Chus, ao longo de décadas. Despois de pasar a infancia en Londres, Isabel regresa á súa aldea preto de Compostela nos anos 60 e comeza unha relación profunda con Chus, mestra do pobo que coidou da súa nai. O seu amor, cheo de intensidade e complicidade, vai desenvolverse en segredo debido ao medo aos estigmas sociais e á represión franquista, afectando a súa forma de vivir e de amar.
Gustounos moito, valoramos a súa sensibilidade, a súa capacidade de conmover e a forza das protagonistas, facendo desta obra unha lectura intensa, delicada e memorable, que combina amor, historia e retrato social nunha Galicia do século XX.




Ningún comentario:
Publicar un comentario