O venres, 27 de febreiro, en colaboración cos institutos Eusebio da Garda e Otero Pedraio da Coruña e o CEIP de Bergondo fomos a Sada para visitar a fábrica de Sargadelos e o Museo de arte contemporánea Carlos Maside. Ademais de ser unha mañá de convivencia, puidemos ver todo o proceso de fabricación dunha peza de Sargadelos e tamén visitar o Museo. Levamos un caderno de bitácora que o alumnado tivo que ir contestando a medida que avanzaba a visita. A verdade é que foi unha marabilla de visita.
Un pouco de historia
A creación do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside foi o segundo dos proxectos que inaugurou o Laboratorio de Formas en 1970. O Museo, que leva o nome dun dos artistas máis importantes do movemento renovador da arte galega (ao parecer, idea de Rafael Dieste), estaba pensado, segundo Luís Seoane, para conservar e exhibir, partindo de Castelao como xerme da renovación, as obras da arte galega da xeración de artistas dos anos trinta do pasado século, a que rompeu coas normas tradicionais da plástica galega e que era descoñecida a causa da morte, do exilio exterior ou interior e do esquecemento que sufriron gran parte dos seus membros logo da Guerra Civil e da instauración da ditadura franquista. Tamén se recollía no proxecto a conservación e a exhibición das obras dos artistas das xeracións posteriores. Para a creación do Museo asinouse un convenio entre o Laboratorio de Formas e Cerámicas do Castro en febreiro de 1970. En 1982, o Museo trasladou a súa sede definitiva ao edificio deseñado por Andrés Fernández-Albalat, unha construción de tres plantas, con doce salas de exposicións e un auditorio deseñado por Díaz Pardo. A colección consta de 2100 obras, 500 delas en exposición permanente. Na planta baixa, móstranse as obras de Castelao e do movemento renovador, as dos artistas e movementos desde a Guerra Civil ata a actualidade na segunda, mentres que a terceira está dedicada ao debuxo humorístico e ao cómic.



.jpg)
.jpg)




Ningún comentario:
Publicar un comentario