Unha vez máis fomos de visita á biblioteca do Castrillón, a biblio do barrio. Esta vez foi o alumnado de Oratoria de 3º e 4º de ESO acompañado por Laura e Mar. Moitísimas grazas a Ana, Belén e Alicia polo recibimento e polo traballo feito. E grazas polas recomendacións!!!!
venres, 30 de outubro de 2026
mércores, 28 de outubro de 2026
Falamos
Hoxe o alumnado de 2º de bacharelato asistiu á charla "O galego nas redes sociais" de Orgullo Galego organizada polo Servizo de Normalización do concello da Coruña. Algúns dos obxectivos son amosarlle ao alumnado a situación do idioma galego en Internet, dar a coñecer distintas persoas creadoras de contido na nosa lingua ou explicar o éxito da plataforma Orgullo Galego.
luns, 19 de outubro de 2026
DÍAS DAS ESCRITORAS 2026: "As amigas como forma de liberdade"
A Biblioteca Nacional de España, xunto con outros organismos, celebra o 19 de outubro a undécima edición desta iniciativa baixo o lema "As amigas como forma de libertade", enmarcándose no Centenario LYCEUM CLUB FEMININO celebrado polo Ministerio de Cultura.
A undécima edición pon o foco nas redes de apoio, complicidade e creación compartida que fixeron posible o desenvolvemento de moitas escritoras e intelectuais e que continúan a ser fundamentais para o avance da igualdade.
Os grupos de 1º, 2º e 3º da ESO investigaron sobre estas mulleres do Liceo feminino, ademais doutras escritoras galegas, portuguesas ou inglesas da mesma época. O resultado é esta exposición na entrada.
martes, 13 de outubro de 2026
martes, 6 de outubro de 2026
luns, 5 de outubro de 2026
EDUCAR EN XUSTIZA
Un ano máis o noso alumnado participou no programa "Educar en Xustiza". Este é un programa promovido pola Oficina de Comunicación do Consello Xeral do Poder Xudicial e dirixido a alumnado de secundaria, prioritariamente de centros públicos. O obxectivo é que a rapazada adquira un coñecemento suficiente sobre o funcionamento do sistema de Xustiza en España, con especial incidencia en aspectos como a violencia de xénero ou a responsabilidade penal do menor.
COMEZA A HORA DE LER!
Este luns, 5 de outubro, bota a andar a Hora de Ler para este curso coa novidade de que serán tres días á semana e que se realiza tamén nos cursos de 3º e 4º ESO.
Velaquí tedes unha mostra das nosas bibliotecas de aula cunha variada selección de libros e revistas adaptadas ao nivel do alumnado. Os mércores tamén contaremos co xornal La Voz de Galicia.
venres, 2 de outubro de 2026
EXPOSICIÓN XOSÉ VELO
O venres 2 de outubro tivemos a proxección do documental sobre Xosé Velo “Expediente Velo” impulsada pola Asociación de veciños Oza-Gaiteira-Os Castros dentro do seu proxecto “Facendo barrio. Facendo memoria”. Ao mesmo tempo colocouse a exposición sobre o polifacético político (mestre, orador, activista...).
Esta actividade divulgativa serve para coñecer este marabilloso personaxe que secuestrou un trasatlántico para loitar contra as ditaduras de Franco e Salazar.
Contamos coa presenza do director, Aser Martínez, de Conchita Rodríguez Castelao (filla de Mariano, amigo de Velo), de Loliña (filla de Mosquera, o home dos contos), de Mari Pilia (sobriña de Víctor, fillo de Xosé), de Siro (caricaturista) e de Paulo (presidente da Asociación).
Foi unha actividade moi intersante e moi emotiva pois contáronse momentos da vida de Velo, situacións de represión que sufriron as familias e como se vive unha ditadura cando es unha nena, entre outras cousas.
Moitas grazas á asociación por nos facer partícipes desta actividade divulgativa e agradecemos de corazón a asistencia de todas estas persoas tan intimamente relacionadas co homenaxe.
A exposición sobre Xosé Velo permanecerá no instituto ata o 9 de outubro. Tamén se pode coñecer máis a súa figura na páxina web xosevelo.org.





















































