Biblioteca e EDLG do IES MONTE DAS MOAS
"Ler é soñar da man do outro" Fernando Pessoa

venres, 2 de outubro de 2026

EXPOSICIÓN XOSÉ VELO

O venres 2 de outubro tivemos a proxección do documental sobre Xosé Velo “Expediente Velo” impulsada pola Asociación de veciños Oza-Gaiteira-Os Castros dentro do seu proxecto “Facendo barrio. Facendo memoria”. Ao mesmo tempo colocouse a exposición sobre o polifacético político (mestre, orador, activista...).

Esta actividade divulgativa serve para coñecer este marabilloso personaxe que secuestrou un trasatlántico para loitar contra as ditaduras de Franco e Salazar.

Contamos coa presenza do director, Aser Martínez, de Conchita Rodríguez Castelao (filla de Mariano, amigo de Velo), de Loliña (filla de Mosquera, o home dos contos), de Mari Pilia (sobriña de Víctor, fillo de Xosé), de Siro (caricaturista) e de Paulo (presidente da Asociación).

Foi unha actividade moi intersante e moi emotiva pois contáronse momentos da vida de Velo, situacións de represión que sufriron as familias e como se vive unha ditadura cando es unha nena, entre outras cousas.

Moitas grazas á asociación por nos facer partícipes desta actividade divulgativa e agradecemos de corazón a asistencia de todas estas persoas tan intimamente relacionadas co homenaxe.

A exposición sobre Xosé Velo permanecerá no instituto ata o 9 de outubro. Tamén se pode coñecer máis a súa figura na páxina web xosevelo.org.


























Ningún comentario:

Publicar un comentario