Biblioteca e EDLG do IES MONTE DAS MOAS
"Ler é soñar da man do outro" Fernando Pessoa

mércores, 27 de maio de 2026

CHARLA CO XORNALISTA E ESCRITOR ÓSCAR LOSADA


Hoxe visitounos en Moas o escritor e xornalista galego Óscar Losada, autor das dúas bandas deseñadas que o grupo de 4º ESO C liu previamente. Desfrutamos dunha entretida sesión na que puidemos coñecer aspectos ben interesantes do proceso de documentación e da confección artística destas obras feitas man a man coas ilustradoras Xulia Pisón e Alba Ceide.


Óscar é un xornalista especializado en temas de cultura e deportes. Membro de World Music Charts Europe, asociación de críticos radiofónicos europeos especializados en música de raíz. É director e editor das revistas deportivas Zona Press e O DEZ, do que nos ofreceu tres exemplares para a nosa biblioteca e que espertaron moita curiosidade entre o alumnado máis afeccionado ao fútbol.

Autor de sete curtametraxes documentais e seis libros foi premiado na categoría de xornalismo, polo seu apoio ao deporte feminino, na V gala de MUDEGA (Mulleres Deportistas Galegas).

Falounos do seu libro Retallos do mundo onde recolle 43 historias que, aínda que algunhas semellan falsas, foron realidade. Os diálogos ficcionados quizais non estean tan lonxe dos que se escoitaron na realidade. Son historias que reflicten retallos do mundo no que estamos a vivir.... Contamos cun exemplar na nosa biblioteca e desde hoxe asinado e dedicado polo seu propio autor.





A súa primeira incursión como guionista de banda deseñada foi con Xulia Pisón en Irene, a porteira, obra que logrou o I premio Tinta de Lura ao mellor cómic galego de 2023. O cómic rescata a historia de Irene González Basanta, unha coruñesa que xogou ao fútbol nos anos vinte do pasado século, Tal e como sinalou Óscar Losada o de Irene González é un caso único no mundo. Na década dos vinte do século pasado foi a primeira rapaza que rompeu barreiras no fútbol, ao se converter na porteira e capitá do equipo masculino coruñés ao que deu nome: o Irene F.C. As crónicas deportivas da época destácana como boa porteira e sinalan que os penaltis sempre os tiraba ela.

E en 2025 viu luz A tese de Margot, onde acompañamos a filóloga alemá Margot Sponer quen en 1926 viaxa a Galicia para investigar a lingua galega, mergullándose na cultura local e coñecendo as súas xentes. A súa tese de doutoramento fai dela unha pioneira na historia do noso idioma.

Nas súas andainas por Galicia forxa amizade con figuras da Xeración Nós, e coñeceremos os posteriores acontecementos vividos no seu país coa presenza constante do nazismo, que empregou os Xogos Olímpicos de Berlín 1936 como un lugar de propaganda do réxime.

É unha historia inspiradora que reivindica o labor profesional e valentía dunha muller afouta.


Foi un pracer poder recibir a Óscar nas nosas aulas e coñecer o xermolo destas dúas BD tan suxerentes que nos levan a homenaxear e afondar na historia de dúas mulleres valentes e pioneiras nos seus respectivos eidos. 

Esperamos que o gusto pola lectura de cómic prenda en vós e que a vosa curiosidade vos acompañe ao longo das vosas vidas para descubrirdes entre libros historias tan fascinantes.

Moitas grazas, Óscar!!







Ningún comentario:

Publicar un comentario