O alumnado de 3º da ESO e 4º PDC fixo unha saída a Ponteceso para percorrer o roteiro “Val nativo” polo concello bergantiñán, o cal lles permitiu afondar sobre a figura de Eduardo Pondal. Guiados polo escritor e actor Suso Lista, partimos desde a casa natal do poeta e fomos seguindo os monólitos situados en lugares relevantes da biografía do autor e da súa obra. Como o día acompañaba e a situación o merecía, varios alumnos animáronse a ler nas paradas algúns versos de Queixumes dos pinos.
Camiñando chegamos ata a aldea do Couto, onde ten a súa sede a Fundación Eduardo Pondal. Alí recibiunos o seu presidente, Xosé María Varela, quen nos falou das actividades que leva a cabo a entidade, como os premios “Bos e xenerosos” ou o festival Festiletras. Despois de facermos unha parada para xantar e achegármonos á praia de Valarés, pola tarde desprazámonos ao concello de Cabana de Bergantiños para visitarmos dúas xoias do patrimonio arqueolóxico galego: o dolmen de Dombate e o castro de Borneiro. Despois dun longo día, regresamos coas pernas cansas mais curtidas nos camiños de Pondal.







Ningún comentario:
Publicar un comentario