Biblioteca e EDLG do IES MONTE DAS MOAS
"Ler é soñar da man do outro" Fernando Pessoa

martes, 3 de xuño de 2025

PROXECTO SOBRE A EXPEDICIÓN DA VACINA DA VARÍOLA

Ao longo deste curso levouse a cabo unha actividade interdisciplinar ao redor do tema: A REAL EXPEDICIÓN FILANTRÓPICA DA VACINA, aproveitando a mesma para resaltar a figura de Isabel Zendal.

Nesta actividade implicáronse os departamentos de Xeografía e Historia, Bioloxía e Xeoloxía, Física e Química, Matemáticas, Tecnoloxía, Biblioteca e EDLG. Isto permitiu un tratamento da información de xeito interdisciplinar e integrador.

Os aspectos tratados e actividades realizadas desde os distintos departamentos foron:

“A corveta María Pita”. O departamento de Historia reproduciu unha recreación dunha parte das estancias dun barco do século XIX, neste caso concreto, a “Corveta María Pita”, na que partiu a REFV o 30 de novembro de 1803. No seu interior obsérvanse moitos elementos relacionados coa navegación, así como carteis explicativos sobre a vida nun barco nesa época e outros moitos temas. Tamén hai unha parte dedicada á Coruña de hai dous séculos.

Parte dos carteis expostos foron elaborados polo alumnado de 1º de ESO.


 “O sistema inmunolóxico e as vacinas”.  O alumnado de Anatomía aplicada de 1º de Bacharelato traballou sobre o sistema inmunolóxico e a súa relación coas vacinas. Elaboraron modelos sinxelos para  explicar como funcionan, utilizando, entre outros, o exemplo do funcionamento dos grupos sanguíneos. Posteriormente fixeron talleres nos que explicaron a información a compañeir@s doutros niveis.


.“As flores”. En 1º de ESO realizaron maquetas coas diferentes partes da flor. Ao seu carón poden atoparse exemplos de flores características de lugares onde arribou a REFV.

 · “A REFV e a papiroflexia”. O departamento de matemáticas co seu alumnado de 1º de ESO confeccionou animais mariños de papiroflexia, cos que de seguro se atopou a tripulación da expedición.

 ·“Instrumentos de navegación”. En 3º de ESO, dirxidos tamén polo departamento de matemáticas, fixeron astrolabios e sextantes.

 · O departamento de Física e Química co seu alumnado de 3º de ESO E, realizou carteis explicativos sobre a flotabilidade dos barcos, unidades e instrumentos de medida da época, conservación de alimentos e substancias químicas utilizadas na etapa que tivo lugar a REFV e na actualidade.

 · “Xogo conecta”. No taller de Tecnoloxía fabricáronse as bases de madeira cos circuítos correspondentes,  nas que se colocan diferentes fichas. Con elas, o alumnado pode relacionar conceptos explicados na exposición; de acertar a relación, acéndese unha pequena bombilla ou soa un timbre.

 · “A pegada de Isabel”. A Biblioteca e EDLG levaron a cabo unha selección de libros relacionados coa REFV que completan a exposición.











 


Ningún comentario:

Publicar un comentario