Biblioteca e EDLG do IES MONTE DAS MOAS
"Ler é soñar da man do outro" Fernando Pessoa

mércores, 19 de novembro de 2025

OBRADOIROS DE XOGUETES POPULARES CO ESCRITOR ANTÓN CORTIZAS

Onte o alumnado de 1º de ESO tivo a sorte de partillar con Antón Cortizas. Antón é mestre, escritor, creador pero sobre todo, como el di, sementador porque sementa continuamente e así o puidemos comprobar ao longo da mañá.

Explicoulle ao alumnado que a natureza é vital para nós pois sen ela non seriamos nada. Todo vén da natureza e ela fornécenos de moito material para poder xogar, crear, identificar, buscar e sobre todo aprender. É por iso que o primeiro que lles dixo é que nos portabamos mal con ela e aínda así ela é xenerosa, moi xenerosa con nós. A mesma xenerosidade que tivo Antón con nós pois trouxo un montón de material, dedicounos o tempo con calma e intensidade e sobre todo ensinounos a xogar.

O alumnado trouxo follas, bugallos, landras, pólas e canas para poder facer os seus propios xoguetes. Creamos castañetas, un instrumento de percusión a partir dunha cana. Creamos chifres co casulo da landra e tamén con tapóns reciclados porque é moi importante reutilizar o material que desbotamos. Creamos un chifre cun bugallo que imita o "falar" da curuxa. Creamos bailaretes coas landras e cos tapóns. Unha morea de cousas!

Tamén soubemos da pega rebordá que nos ensinou a xogar coas palabras pero antes Antón contounos a importancia desta pega pois cada outono garda miles de landras para poder comelas durante todo o ano. Aínda que ela sabe perfectamente onde garda cada unha moitas quedan escondidas na terra e delas nace un novo carballo. Que lista a pega rebordá!!! Con ela tamén xogamos a facer lengalengas, trabalinguas ou xogos de palabras.

Nesta imaxe podemos ver os trabalinguas cos que traballamos:


Podedes intentar dicilo a ver cantos ovos poñedes!!!

Que mañá máis marabillosa e cantas cousas aprendemos!!!!

O alumnado participante entregoulle a Antón esta fermosa versión en madeira da súa obra Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais que tan amabelmente deseñou a nosa compañeira Sonia.








Ningún comentario:

Publicar un comentario