Biblioteca e EDLG do IES MONTE DAS MOAS
"Ler é soñar da man do outro" Fernando Pessoa

luns, 15 de novembro de 2021

Visita da ilustradora coruñesa Xulia Pisón coa charla "Camiños para debuxar"



Organizado polo equipo do EDLG e grazas á colaboración do Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña visitou o noso centro a ilustradora e debuxante de banda deseñada coruñesa, Xulia Pisón. A charla foi organizada para o alumnado de 1º de Bacharelato de Debuxo Técnico co título de "Debuxando o teu camiño".

Xulia Pisón é ilustradora e debuxante de cómic. Cursou estudos de Ilustración na EASD Pablo Picasso.


Recibiu o 1º premio do Certame Xuventude Crea de BD de 2015. Editou o fanzine McCactus en 2015, e en 2016 publicou (∞-1) con Alita Cómics. Entre os traballos de ilustración que realizou destaca o cartel das Festas de María Pita da Coruña en 2017. 


Algunhas das súas obras son unha historieta curta no volume Licor café editado por Demo editorial. Recentemente publicou unhas interesantes bandas deseñadas sobre Microalgas co selo da Universidade da Coruña, dous cómics de aventuras que achega o mundo submarino a través da personalización de certos elementos, creando a estrutura e o guión dunha historia de superheroes e creando referentes de xénero para as mozas, xa que o protagonismo recae sobre personaxes femininos. Podede ver nesta ligazón toda a súa obra.

A charla co alumnado tratou sobre a súa traxectoria como debuxante e autora galega, sobre a identidade e sobre a procura do noso lugar neste mundo. Cómpre salientar que Xulia Pisón ten participado en charlas nas que reflexiona sobre os seus inicios, os principais obstáculos das mulleres no mundo da ilustración e que enfoca moitas das súas propostas na calidade e na apertura dos guións cara temáticas que interesen tamén ás mozas como público potencial do mundo da banda deseñada.

Podedes seguir a Xulia Pisón na rede en xuliape.tumblr.com. Tamén hai obras dela entre o catálogo da nosa biblioteca por se queredes seguir desfrutando das súas historias gráficas.





Ningún comentario:

Publicar un comentario