Biblioteca e EDLG do IES MONTE DAS MOAS
"Ler é soñar da man do outro" Fernando Pessoa

xoves, 20 de abril de 2017

Actividades na SEMANA DO LIBRO


Como todos os anos celébrase a nivel mundial o DÍA DO LIBRO o 23 de abril. 
Este ano cadra en domingo pero no noso centro xa temos preparadas unha manchea de actividades.

Pasen e vean:
  • Mercado solidario de libros de 2ª man.
Será a terceira edición deste mercado  no que poñeremos, no corredor principal, libros de 2ª man procedentes de doazóns de toda a comunidade escolar a prezos moi módicos. A recadación será destinada, como en outras ocasións a unha ONG local.
  •  I Concurso de fotografía “FOTOLECTORES”
Un divertido concurso fotográfico aberto a todo o alumnado no que queremos recoller simpáticas fotos de temática lectora. As bases serán publicadas en breve neste blog e distribuídas por todo o centro. Grandes premios!!!
  • Exposición de NOVIDADES na biblioteca
Un ano máis faremos un último esforzo para presentarvos lecturas de todo tipo e adecuadas a todo tipo de lectores (biografías, divulgación, literatura, pensamento...)
  • Gran “Photocall” co Quixote.
A gran sorpresa é un gran cartaz tirado dunha magnífica ilustración do Quixote de Gustavo Doré  coa que todos nos podemos fotografar. Atrévete!

Cartel de presentación de Actividades:

mércores, 19 de abril de 2017

Os libros namorados, premiados

Xusto antes das vacacións de Semana Santa fixemos entrega dos premios aos mellores libro-poemas de temática amorosa. Todo o mundo tivo un pequeno agasallo pola súa participación.


Os premiados (de esquerda a dereita ):
Aitana Ruiz e Lucía  Cabarcos de 2º ESO B e
Sara Sanz e Manuel de 1º de ESO
Os participantes recollendo o seu pequeno agasallo

luns, 10 de abril de 2017

Recollida de premios na Biblioteca do Castrillón

O pasado martes 4 de abril o alumnado de 3º de ESO visitou a biblioteca do Castrillón para recibir os premios correspondentes ao concurso de Cartas de Amor organizado por dita biblioteca.
Os agraciados foron:
Francisco Manuel Villaverde , cunha emotiva  carta dedicada ao seu can e Adrián Janeiro con outra preciosa misiva dedicada á súa nai.

Merecidos parabéns aos dous!

Concurso Cartas de Amor on PhotoPeach

martes, 4 de abril de 2017

Animación á lectura

O alumnado da materia de "Música e Cine" elaborou uns orixinais cartaces para fomentar a lectura entre a nosa rapazada.
Moitísimas grazas!!!!




xoves, 23 de marzo de 2017

Libros namorados

Colgamos xa por toda a biblioteca os traballos presentados para o concurso de LIBROS DE POEMAS ILUSTRADOS. O xurado xa está mans á obra e os premios serán entregados antes das vacacións de Semana Santa.
Moita sorte a todos os participantes.

Ah ! E se pos o rato enriba das fotos poderás velas con máis detalle...



mércores, 15 de marzo de 2017

Premiados no concurso "Contos de Guerra e Paz"

Vimos de entregar hoxe no recreo os premios aos relatos gañadores no concurso de relato curto co gallo do "Día escolar da paz e a non violencia"

1º Premio: Noa Hernández de 1º B de BAC
2º Premio: Jennifer Vázquez de 1º B Bac
3º Premio: Raymond Manuel Rivera de 4º C ESO

De esquerda a dereita: Noa, Jennifer e Raymond


Estos son os relatos gañadores:

MITOLOXÍA

CONCURSO DE RELATO BREVE CON FONDO DE MITO CLÁSICO


A Biblioteca de IES Monte das Moas  a través do Departamento de Clásicas convoca un novo concurso de” Relatos Breves” que se rexerá polas seguintes bases:
1.- Poderán concorrer a este certame os alumnos/as de 3º e 4º da ESO e 1º e 2 de Bach.
2.-Os traballos terán como referencia un mito clásico*
3.- A extensión dos traballos non poderá exceder as 1600 palabras,
(4  folios tamaño A-4 a dobre espazo).
4.-Os traballos deberán presentarse nun sobre, asinado cun pseudónimo e logo introducirase neste outro cos datos persoais do autor/a.
5.-O xurado, que será dado a coñecer ó emitirse o fallo, terá ademais das facultades normais de outorgar ou declarar deserto o premio, as de interpretar as presentes bases.

6.-O prazo máximo de recepción dos traballos será o 16 de Maio do 2017. Mentres que o prazo de resolución do procedemento será o 30 de Maio do 2017.


 HABERÁ DÚAS CATEGORÍAS:
NIVEL ESO
NIVEL BACHARELATO
1º Premio : 40 €
2º Premio: 30€
3º Premio: 20€
1º Premio : 40 €
2º Premio: 30€
3º Premio: 20€

     O alumnado poderá consultar na biblioteca, na sección de MITOLOXÍA (292), todos os documentos. Tamén se lles aportará unha lista de mitos clásicos coas correspondentes citas do texto.

    O Departamento de clásicas responderá a calquera aclaración  que se queira facer respecto a este Concurso.

mércores, 1 de marzo de 2017

Día da Muller

Un ano máis, mulleres da comunidade educativa do IES Monte das Moas aportan o seu pequeno gran de area para facer visibles a extraordinarias persoas no eido da composición musical, mulleres que non o tiveron nada fácil e que, na maioría dos casos, foros silenciadas ou ben esquecidas por ter vivido nun mundo de homes.

Aí vai a nosa homenaxe que poderá ser visitada no corredor principal do noso centro  ata final de mes.
Achegamos tamén unha guía de lectura da exposición para que todo o profesorado que queira poda traballar as interesantes biografías co seu alumnado.

luns, 20 de febreiro de 2017

O "Telón de Aquiles" no campus Cocacola

O grupo de teatro do instituto veu de asistir a unhas clases maxistrais invitados pola Fundación Cocacola no apartado de premios teatrais "Buero Vallejo".



Para máis novas sobre o noso grupo de Teatro, non deixedes de visitar o seu blog:

domingo, 19 de febreiro de 2017

Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

Co gallo do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, o Departamento de Física e Química en colaboración coa Biblioteca, elaborou un par de actividades para traballar a biografia e logros de dúas mulleres salientables nese eido, e ademáis.... GALEGAS!!!

Deixamos aquí as dúas presentecións para que o alumnado de 4º de ESO traballe con elas na biblioteca.



View more presentations or Upload your own.

mércores, 8 de febreiro de 2017

CONCURSO DE LIBROS DE POEMAS ILUSTRADOS


Achégase o "Día dos Namorados"
 e por esta razón a biblioteca convoca un CONCURSO DE LIBROS PERSONALIZADOS  
que ilustren poemas de temática amorosa.


BASES:
*                     Poderá participar o alumnado de 1º a 3º de ESO.
*                     Tras o visionado dos titoriais colgados nesta mesma entrada, a rapazada deberá fabricar pequenos libros que poderán ser ilustrados con diversas técnicas (collage, debuxos, fotos, etc) facendo alusión a pequenos poemas (pareados, cuartetos... ) de elaboración propia.
*                     Os poemas poderán estar escritos en calquera das linguas que se ensinan no centro: galego, español, inglés, francés ou latín.
*                     DATA e LUGAR de entrega:
ü  2 de marzo
ü  NA BIBLIOTECA
PREMIOS:
Haberá un 1º , un 2º  e un 3º premio que recibirán, entre outros agasallos, libretas especiais, entradas de cines, libros...
XURADO:
O xurado estará composto por profesorado membro do equipo de dinamización da biblioteca e alumnado dos cursos superiores.

Vídeotitoriais:
      
 Sin palabras. Moi sinxelo de facer.                          En español. Tamén moi doado.

domingo, 29 de xaneiro de 2017

Día da Paz

O día 30 de xaneiro celébrase o Día escolar da Paz e a Non-violencia.
Queres saber por que ou desde cando se celebra?
Pincha na foto e o veredes. Na páxina web ofrécense múltiples recursos para traballar a temática da paz.

E lembrade....se sodes de 4º de ESO ou de  1º de Bac, hai convocado un concurso de relatos no que queremos que nos contedes AS OUTRAS HISTORIAS POSIBLES.



Microrrelatos de Terror

Presentamos unha pequena publicación cos 4 relatos gañadores no concurso de Microrrelatos de Terror convocado pola Biblioteca e o Departamento de Lingua Castelá no mes de novembro. Esperamos que vos gusten.

Murais contra a Violencia de Xénero

Amosamos aquí os murais presentados polo noso alumnado, xunto con outros dos colexios da contorna, o concurso promovido pola PLATAFORMA VECIÑAL COTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO coa que colaboramos.