Biblioteca e EDLG do IES MONTE DAS MOAS
"Ler é soñar da man do outro" Fernando Pessoa

luns, 13 de maio de 2024

ENCONTRO LITERARIO CON PAULA CARBALLEIRA

No día de hoxe estivo con nós a escritora, poeta, dramaturga e actriz, Paula Carballeira. O encontro desenvolveuse ao abeiro do programa de Encontros con Escritores convocado pola Dirección Xeral do Libro, do Cómic e da Lectura do Ministerio de Cultura @librolecturagob.

Este triste e frío 13 de maio de 2024 veu visitarnos a luminosa e cálida escritora Paula Carballeira. A conversa sobre o seu proceso literario estendeuse xenerosamente durante 75 minutos. Asistiron á actividade un total de 120 alumnos, que representan o total dos 4 grupos de 1º ESO do IES Monte das Moas. O alumnado mostrouse encantado coa divertida charla, intercambio de opinións, reflexións e preguntas sobre distintos aspectos da creación literaria así como do “terrorífico “ conto ofrecido por esta marabillosa autora.

Previamente, a rapazada tiña lida a obra de medo de Paula Trece avisos de forma alternativa durante todo o presente curso. A obra tivo unha enorme aceptación, en especial subliñaban o gusto - e medo- que lles producía a aqules que facían a lectura nas longas noites de inverno.

Posteriormente á lectura, fixeron diferentes traballos relacionados con contos incluídos no libro Trece avisos e coa súa creadora.

Finalmente, tivemos que despedirnos de Paula; pero antes asinou varios exemplares tanto da Biblioteca do IES Monte das Moas como de alumnos e alumnas, ledos por poder facerse coa súa dedicatoria. A todos nos quedou a boca doce e con ganas de máis.

O alumnado de 4º ESO len nas aulas de literatura galega a peza teatral As alumnas e o grupo de 4º que cursa portugués puido achegarse tras o acto a saudar e coñecer a escritora e intercambiar algunhas impresións sobre a obra que len e sobre o seu proceso de creación tanto poética como teatral. Nas aulas de Português leron e traballaron coa tradución a esta lingua do poemario da autora, Há quem escolha os caminhos mais longos.

Grazas, Paula, por vir coñecernos e amenizar a nosa xornada!! E inmensamente agradecidas de poder contarmos na nosa escola cunha Premio Nacional de Dramaturxia tan interesante, tan fantástica e cercana coma ti!! Esperamos poder contar axiña contigo de novo!!








Ningún comentario:

Publicar un comentario