Biblioteca e EDLG do IES MONTE DAS MOAS
"Ler é soñar da man do outro" Fernando Pessoa

domingo, 16 de outubro de 2022

17 DE OUTUBRO. DÍA DAS ESCRITORAS

Para celebrarmos o Día das Escritoras o equipo de biblioteca traballou co alumnado para realizar esta exposición de fichas sobre escritoras recoñecidas nos sistemas literarios galego, español, da cultura lusófona e en francés. 

O resultado dos traballos do alumnado da ESO pode verse exposto no vestíbulo da entrada durante esta semana conmemorativa para homenaxear a literatura de autoría feminina.











martes, 11 de outubro de 2022

NA TERRA DE EDUARDO PONDAL A TRAVÉS DOS SEUS POEMAS. VISITA A DOMBATE, BORNEIRO E VALARÉS

No día de hoxe o alumnado de 1º ESO puido desfrutar dun día soleado de excursión nunha visita ao Dolmen de Dombate e Castro de Borneiro en Cabana de Bergantiños. Alí grazas ás explicacións do profesorado de Ciencias Sociais e de Lingua Galega e Literatura puideron coñecer algo máis sobre a cultura megalítica na zona de Bergantiños e Soneira, así como coñecer e recitar poemas do poeta Eduardo Pondal.

Despois foron até a casa natal do escritor pontecesán e desde alí comezaron a ruta a pé desde o Malecón de Ponteceso até a fermosa praia de Valarés onde xantaron e puideron desfrutar dunha entretida tarde xogando na area da praia.

A excursión foi organizada conxuntamente polo Departamento de Lingua e Literatura Galega e de Ciencias Sociais coa colaboración do Equipo de Dinamización da Lingua Galega.

Aquí podedes ver os poemas de Eduardo Pondal que se recitaron durante o roteiro literario e o vídeo como lembranza da xornada.

mércores, 5 de outubro de 2022

Lecturas en galego sobre a saúde mental

O Día Mundial da Saúde Mental trae, o día 10 de outubro, unha reflexión e unha alerta sobre a actitude de ollarmos para a condición da saúde da nosa mente. A data foi instituída en 1992 pola Federación Mundial da Saúde Mental. Este día, son promovidas accións e conferencias de concienciación acerca da importancia de coidar da parte psicolóxica. 

Desde que a data foi creada, houbo moitos progresos no campo da psicoloxía e da psiquiatría, posibilitando tratamentos máis adecuados a cada patoloxía e eficiencia no diagnóstico de transtornos mentais. 

Calcúlase que case 1 billón de persoas son portadoras de transtornos mentais en todo o mundo. No entanto, gran parte dos pacientes non teñen acceso ao tratamento adecuado e a programas de acollemento, o que pode levar ao agravamento do cadro. 

A OMS considera a saúde mental unha prioridade en relación á divulgación e defende que esta cuestión non é, estritamente, un problema de saúde, por tanto, precisamos estar atentos aos síntomas de alerta, como alteración no sono, na alimentación, na disposición interna, nas relacións, nas actividades escolares e laborais e tantos outros sinais alterados. Os motivos para ignorar os avisos da mente, e consecuentes avisos do corpo, acostuman ser a falta de coñecemento, vergoña de ter un trastorno mental ou de facer terapia, medo do rexeitamento e das críticas alleas, receo da represión da familia ou asignación do malestar mental a elementos externos. 

As perturbacións de natureza mental e os transtornos mentais, independente de súa gravidade, son hoxe unha das doenzas máis incapacitantes do século XXI. A depresión, por exemplo, é unha das doenzas que ten máis relación con factores de risco de suicidio. 

Desde o EDLG e Bibliomoas non queremos deixar pasar este día sen ofrecervos unha selección de lecturas en lingua galega sobre trastornos da saúde mental, suicidio, transtorno bipolar, depresión, etc... temas que afectan a boa parte da comunidade educativa galega e que convén visibilizar e normalizar para que quen os sofre se sinta apoiado, retratado e acompañado. Non se sae só deses problemas e a lectura pode axudar a recoñecérmonos e axudarmos á mellora das nosas condicións de vida cara un benestar desde o punto de vista mental.

 

luns, 3 de outubro de 2022

ROTEIRO HISTÓRICO E LITERARIO EN CELANOVA CO ALUMNADO DE 2º BACH

No día de hoxe o alumnado de 2º de Bacharelato visitou a vila ourensá de Celanova nunha excursión organizada polo Departamento de Lingua e Literatura Galega coa colaboración do Equipo de Dinamización da Lingua Galega e a biblioteca.

Puideron coñecer a través dunha visita guiada o Mosteiro de Celanova, a Capela de San Miguel e mais a Casa dos Poetas situada na casa natal do poeta Curros Enríquez. 

Despois de xantar acudiron á fermosa biblioteca do IES de Celanova e alí o alumnado da materia de Literatura Galega do Século XX recitou poemas e liu textos dos poetas celanoveses Curros e Celso Emilio Ferreiro.

Posteriormente desprazáronse para visitar Vilanova dos Infantes e alí coñeceron as covas dos Zapateiros e a torre medieval da vila. Antes de regresar á Coruña gozaron dunha tarde con baño nas termas de Outariz. 

SAMAÍN: MICRORRELATOS E BANDA DESEÑADA DE TERROR

SAMAÍN: CONCURSO DE TABOLEIROS DE TERROR

Concurso de Samaín de decoración de taboleiros “terroríficos” con lemas en galego. Gañará o taboleiro máis orixinal, máis traballado e que trate o tema do Samaín: maxia, medo, Santa Compaña, lendas de inspiración galega… E o que teña o mellor lema en de Bibliomoas

domingo, 12 de xuño de 2022

LETRAS GALEGAS 2022: RECITADOS DE POEMAS DE FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN

O alumnado de Oratoria de 2º ESO por proposta do EDLG do centro animouse a debuxar e recitar diferentes poemas do valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán e velaquí tedes o fermoso resultado.

 

mércores, 8 de xuño de 2022

VISITA DE NÚÑEZ SINGALA E MJ PÉREZ

Este mércores todo o alumnado de 1º ESO puido asistir no salón de actos á visita do escritor Manuel Núñez Singala e da cantautora M J Pérez nunha xornada para reflexionar sobre a importancia do uso da lingua galega e rematar escoitando e cantando ao son da música da arzuá da que vos deixamos ao final deste vídeo unha pequena mostra.

A actividade forma parte das propostas que nos ofrece aos centros de ensino o Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña e foi organizada polo Departamento de Lingua Galega e do EDLG do instituto.

O galego precisa de ti. Falámolo e cantámolo??


xoves, 2 de xuño de 2022

Telón de Aquiles representa El lindo Don Diego

Podedes ver aquí fotos da representación teatral do grupo de teatro do instituto Telón de Aquiles, dirixida polos profesores Rafael Alonso e Juan Dios Cañada. 

Nesta XXIII edición do Certame de Teatro Escolar e Afeccionado da Deputación da Coruña escolleu para a súa participación unha obra de teatro barroco, El lindo Don Diego de Agustín Moreto. 

O acompañamento musical do espectáculo foi dirixido, creado e interpretado por DIJO4 Música, orquestra integrada por alumnado do instituto.