xoves, 5 de febreiro de 2026
venres, 30 de xaneiro de 2026
Un muro de poemas ilustrados pola PAZ
O Día Escolar da Paz celébrase cada 30 de xaneiro porque nese día, de 1948, foi asasinado Mahatma Gandhi, líder pacifista que defendeu e promoveu a non violencia e a resistencia pacífica fronte á inxustiza e que foi asasinado por defender estas ideas, por un disparo dun extremista hindú.
Para conmemorar este día nestes tempos tan convulsos, quixemos facer un muro de poemas ilustrados pola paz, lendo e repasando os pensamentos e as palabras que os grandes poetas escribiron ao respecto.
Participou na actividade todo o alumnado da ESO, a través das titorías e das clases de Linguas.
Velaquí o resultado e os mellores deseños:
xoves, 29 de xaneiro de 2026
III Xornadas Experiencias Con-Ciencia: Antigos, pero intensos
O alumnado de 4º ESO e 1º e 2º Bach que cursa Latín acudiu hoxe a unha xornada na Facultade de Filoloxía da USC enmarcada dentro do programa de Xornadas Con-Ciencia. O título era "Antigos, pero intensos: os soportes da escrita en Grecia e Roma" e foi impartida por profesorado e persoal investigador da área de Filoloxía Clásica.
Tras unha breve introdución sobre os soportes de escrita en Grecia e Roma, participaron en tres obradoiros simultáneos nos que puideron escribir en latín e grego sobre peciñas de arxila moldeadas por eles, practicar a escrita con tinta ou realizar grafittis emulando os pompeianos. Foi unha xornada moi práctica e entretida na que quedaron encantados!
mércores, 28 de xaneiro de 2026
NCD Educa 2026: a diversidade entra nas aulas a través do cinema
O festival, organizado pola asociación Palestra e o Concello da Coruña, mantén o seu compromiso co ámbito educativo a través do programa NCD Educa, que iniciou o pasado mércores a súa xira por distintos centros educativos da área metropolitana coa visita ao IES Monte das Moas.
O programa incluíu este ano a proxección dunha selección de seis curtametraxes LGTBIQ+ (Ese lugar partido, Estoy bien mamá, Erupción, Sobremesa, La duda e Siempre que lo cuento) e o posterior debate co alumnado de 4º de ESO que asistiu a esta proxección no salón de actos do centro.
Norte Cinema Diverso conta coa colaboración da Cinemateca Pedro Zerolo e da Academia Galega do Audiovisual.
A terceira edición do Norte Cinema Diverso (NCD) desenvolverá a súa III edición os días 25, 26 e 27 de novembro de 2026.
Con todo, e como antesala ao festival, NCD organizará unha sesión especial de inverno o vindeiro xoves 26 de febreiro ás 20:00 horas. O evento centrarase na realidade das persoas maiores LGTBIQ+, no idadismo e na experiencia da volta ao armario na terceira idade.
Proxectarase a película Maspalomas, que narra a historia dun home de 76 anos que se ve obrigado a ingresar nunha residencia e enfrontarse de novo á ocultación da súa identidade.
martes, 27 de xaneiro de 2026
Concurso de relatos "A Coruña: imaxes do pasado"
Hoxe o alumnado de 3º ESO recibiu a visita das bibliotecarias da Biblioteca Pública Municipal do Castrillón, quen nos recordaron que as bibliotecas, alén de seren un lugar para o estudo e con moitos libros, son un espazo de encontro e de descuberta. Tamén nos informaron sobre algúns dos beneficios para o desenvolvemento cognitivo que ten a lectura en papel máis alá do propio gozo da actividade.
Finalmente, propuxéronnos participar no concurso de relatos "A Coruña: imaxes do pasado": a partir dunha fotografía da cidade teremos que imaxinar como era a sociedade coruñesa de finais do s. XIX e inicios do XX, para o cal faremos uso da nosa creatividade literaria.
martes, 13 de xaneiro de 2026
Exposición de Libros sobre a Paz.
Xa podedes explorar as lecturas relacionadas coa próxima celebración do Día Escolar da Paz, o 30 de xaneiro. Son historias de nenos atrapados polas guerras, historias sobre os dereitos humanos, sobre mulleres e homes valerosos,... Vide buscalos á biblioteca!





























