Biblioteca e EDLG do IES MONTE DAS MOAS
"Ler é soñar da man do outro" Fernando Pessoa

luns, 1 de decembro de 2025

"ELAS, PRODUTORAS EXECUTIVAS", O PAPEL DAS PRODUTORAS NO AUDIOVISUAL GALEGO

O alumnado de 4º ESO asistiu no salón de actos a unha xornada formativa organizadas pola AGAPI (Asociación Galega de Produtoras Independentes) en colaboración coa Deputación da Coruña para achegar á sociedade o papel capital das mulleres na produción audiovisual.

Despois do visionado da peza, "Elas, produtoras executivas" realizouse un debate entre algunha das protagonistas do documental  e o alumnado no que reflexionaron sobre o alto valor simbólico da peza como referente para creación da identidade da mocidade galega, xa que ofrece exemplos de mulleres poderosas e empresarias fundamentais no noso audiovisual.

Con este diálogo abriron un espazo de debate feminista para contribuír na capacidade de reflexión e análise entre a xente nova, así como promover o cinema e a actividade audiovisual como saída laboral ou elección de estudos futuros.





martes, 25 de novembro de 2025

Portas violeta para o 25N

Este curso conmemoramos o 25N coa exposición "Abre e libérate", que parte do símbolo da porta violeta para significar unha mensaxe de esperanza e liberación fronte ao problema da violencia machista. A nosa idea parte da canción de Rozalén, "A porta violeta", que fala de abrir unha porta cara a unha vida libre de violencia e opresión. 
Todo alumnado do noso centro colaborou facendo a súa porta e as mensaxes de loita contra a violencia de xénero. 
Por outra banda, os alumnos de 3º da ESO traballaron este tema a través das historias de El conde Lucanor. Crearon contos exemplarizantes relacionados con este tema que se reuniron en dous fermosos volumes dos que damos conta nas imaxes.












Café con letras

O pasado luns 24 de novembro tivemos a nosa primeira reunión do Club de lectura de adultos, "Café con Letras", que inauguramos este curso. Nesta reunión, formada por persoal docente e non docente do centro, tivemos un invitado de excepción, o escritor coruñés Roberto Cagiao, autor do libro que estivemos a ler: Entroido. Falamos do seu libro e da súa obra na nosa biblioteca. Houbo café, tartas e regaliños para inaugurar esta nova actividade que comezamos con ilusión.




luns, 24 de novembro de 2025

Entrevista da TVE-Galicia sobre o 25N no noso IES

A protagonista, o autor e director da obra "Mulleres nas redes" voltaron ao noso instituto para facer unha pequena entrevista acompañados de unha profesora e varias alumnas que opinaron sobre a mesma e sobre a celebración do Día Internacional da Violencia contra a muller. 
A reportaxe emitirase o día 25 nos telexornais. 



xoves, 20 de novembro de 2025

OS LIBROS MÁIS IMPORTANTES DA LITERATURA GALEGA

O alumnado de 3°C tivo hoxe a ocasión de participar no obradoiro "Os libros máis importantes da literatura galega" impartido por Isaac Lourido, profesor da UDC, e coñecer un pouco máis sobre o sistema literario galego.

Logo dunha reflexión inicial conxunta sobre como medir a importancia dun libro e dos seus autores/as, aprenderon 7 regras de ouro para os poder detectar (número de edicións, linguas a que foi traducido, premios...). A seguir, traballaron en grupos para puntuaren o libro que lles foi asignado a cada un seguindo os criterios explicados e por último crearon unha clasificación conxunta.

De seguro estas 7 regras axudarannos á hora de analizaren calquera obra literaria.







Téñoa negra! Literatura (e outras artes) contra a marea negra do Prestige

Onte cumpríronse 23 anos do afundimento do Prestige e, dende o instituto, quixemos render unha pequena homenaxe a esta data tan marcada na memoria colectiva.

Por iso, esta mañá un grupo de alumnos e alumnas de 2º da ESO participou nun obradoiro impartido por Isaac Lourido, profesor da UDC, que lles permitiu reflexionar sobre o impacto do desastre e sobre as respostas sociais que xurdiron ao respecto. Así, o alumnado puido coñecer e comentar exemplos da pegada que deixou o Prestige na literatura, na música e nas artes plásticas, descubrindo como a creación artística se converteu nun xeito de denuncia, memoria e reflexión colectiva.







mércores, 19 de novembro de 2025

Mulleres nas redes. Teatro para o 25N

O pasado mércores 19 de novembro a Concellería de Benestar Social, Participación e Igualdade, a través do Centro de Información ás Mulleres, agasallounos cunha obra teatral, Mulleres nas redes, protagonizada por Estíbaliz Veiga, dirixida por Xosé Lois e escrita por Bernardino Martínez. A obra enmárcase dentro das nosas actividades educativas en torno ao 25N, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres

O alumnado de 2º da ESO ao completo asistiu a esta peza teatral no noso salón de actos, que aborda o grooming e outras formas de acoso en liña a través das historias de catro adolescentes. A propia actriz deu testemuño da súa experiencia de ciberacoso.

Todos estiveron moi atentos e desfrutaron desta obra de contido altamente didáctico e necesario para os nosos adolescentes nos tempos que corren. 













 

OBRADOIROS DE XOGUETES POPULARES CO ESCRITOR ANTÓN CORTIZAS

Onte o alumnado de 1º de ESO tivo a sorte de partillar con Antón Cortizas. Antón é mestre, escritor, creador pero sobre todo, como el di, sementador porque sementa continuamente e así o puidemos comprobar ao longo da mañá.

Explicoulle ao alumnado que a natureza é vital para nós pois sen ela non seriamos nada. Todo vén da natureza e ela fornécenos de moito material para poder xogar, crear, identificar, buscar e sobre todo aprender. É por iso que o primeiro que lles dixo é que nos portabamos mal con ela e aínda así ela é xenerosa, moi xenerosa con nós. A mesma xenerosidade que tivo Antón con nós pois trouxo un montón de material, dedicounos o tempo con calma e intensidade e sobre todo ensinounos a xogar.

O alumnado trouxo follas, bugallos, landras, pólas e canas para poder facer os seus propios xoguetes. Creamos castañetas, un instrumento de percusión a partir dunha cana. Creamos chifres co casulo da landra e tamén con tapóns reciclados porque é moi importante reutilizar o material que desbotamos. Creamos un chifre cun bugallo que imita o "falar" da curuxa. Creamos bailaretes coas landras e cos tapóns. Unha morea de cousas!

Tamén soubemos da pega rebordá que nos ensinou a xogar coas palabras pero antes Antón contounos a importancia desta pega pois cada outono garda miles de landras para poder comelas durante todo o ano. Aínda que ela sabe perfectamente onde garda cada unha moitas quedan escondidas na terra e delas nace un novo carballo. Que lista a pega rebordá!!! Con ela tamén xogamos a facer lengalengas, trabalinguas ou xogos de palabras.

Nesta imaxe podemos ver os trabalinguas cos que traballamos:


Podedes intentar dicilo a ver cantos ovos poñedes!!!

Que mañá máis marabillosa e cantas cousas aprendemos!!!!

O alumnado participante entregoulle a Antón esta fermosa versión en madeira da súa obra Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais que tan amabelmente deseñou a nosa compañeira Sonia.








VISITA DE 2º DE BACHARELAO Á EXPOSICIÓN DE CASTELAO NO GAIÁS

O alumnado de 2º de Bacharelato acudiu onte á exposición Castelao. Mirar por Galicia no Museo Gaiás na Cidade da Cultura.

A exposición representa a experiencia de arte dixital máis avanzada sobre a obra do autor e combinando intelixencia artificial, hologramas, animación 3D e realidade virtual imos asistindo a un relato que nos traslada unha visión interactiva e innovadora das achegas e o universo artístico do autor rianxeiro.

Trátase dunha reinterpretación artística do seu espírito creativo, sen perder o rigor documental no relato: unha homenaxe á súa figura e obra, desenvolvida co máximo coidado e precisión por un grupo de profesionais e creadores galegos. Ofrece ademais a oportunidade única de volver escoitar as palabras do intelectual, en galego e na súa propia voz, recreada a partir dun minucioso proceso que conxuga unha antoloxía de citas da súa autoría, o traballo de actores e locutores profesionais e a aplicación de tecnoloxía de intelixencia artificial.












xoves, 6 de novembro de 2025

PERSOAS GAÑADORAS DO DESEÑO DE MONSTROS ARREPIANTES

Estes son os deseños e as persoas gañadoras do Concurso de Monstros Arrepiantes organizado polo EDLG este Samaín.

Recibiron o seu premio no recreo de hoxe na biblioteca. Parabéns a todas!!

Daniella Rama Aradas (1º ESO A)

Marina Martín Allegue (2º ESO A)

Valeria Carnero Fernández (2º ESO C)

Antía Sueiro López (4º ESO C)

Manuela Díaz Real (4º ESO C)


Hugo Gentil Rey (1º ESO B)




Entrega de premios na biblioteca