mércores, 21 de decembro de 2022
XINCANA HISTORIA DAS MATEMÁTICAS
Con motivo do Mes da Ciencia en Galego durante o mes de novembro o EDLG do centro organizou esta exposición da Historia das Matemáticas que foi elaborada no CPI As Revoltas de Cabana de Bergantiños.
O Departamento de Matemáticas deseñou e levou a cabo unha xincana co alumnado de 2º ESO como podedes ver neste vídeo.
martes, 20 de decembro de 2022
VISITA AO MUNCYT
Tamén fixemos unha visita rápida pola sala patrimonio, na que atopamos obxectos tan curiososos coma os biberóns romanos, cunhas formas moi xeitosas. Na sala miscelánea, leváronos a ver os robots, pero xa non funcionan nin interactuan cos visitantes dende hai anos. Aínda así, alí había instrumentos físicos e químicos moi curiosos coma un parafuso de arquímedes ou mecheiros bunsen. Na sala de innovación española, puideron ver as caricaturas dos inventores/as españoles/as e nela a rapazada investigou sobre algúns deles nas pantallas informativas. Alí tamén vimos algún dos seus inventos como o motor de diésel de Eduardo Barreiros ou unha maqueta do submarino de Isaac Peral (xa no nestá nin a escafandra nin o precursor do libro dixital).
Por suposto, puidemos acceder á cabina do avión Lope de Vega, o boeing 747 que no ano 1981 fixo o seu primeiro voo e transladou o Guernica dende Nova York a Madrid. Previamente explicáronnos as características e equipamentos que tiña e os materiais dos que estaba construído.
As derradeiras salas que visitamos foron exploradas dunha forma máis amenas pois na sala do século XX xogaron a unha especie de xincana na que, grazas a unha serie de pistas, tiñan que ir atopando os obxectos que se describían (antiguas lavadoras ou sistemas de fichaxe no traballo, motos, ambientadores de cine, etc.).
A última sala, dedicada ós elementos da táboa periódica, era a máis interactiva de todas, con diversos videoxogos que puxeron a probas tanto as destrezas como os coñecementos químicos do alumnado.
E pechamos a visita retomando enerxía
na zona de picnic do museo, onde nos xuntamos os dous grupos e
intercambiamos impresións.
luns, 19 de decembro de 2022
EXPOSICIÓN DE TRABALLOS DE LECTURA EN LINGUA GALEGA
Durante o mes de decembro estivo exposta esta selección de traballos de lectura sobre libros en lingua galega que fixo o alumnado de 1º ESO na materia de Lingua Galega e Literatura.
xoves, 1 de decembro de 2022
luns, 28 de novembro de 2022
HÁBITOS DE VIDA SAUDABLE NO MES DA CIENCIA EN GALEGO
domingo, 27 de novembro de 2022
sábado, 26 de novembro de 2022
venres, 25 de novembro de 2022
A VIOLENCIA DE XÉNERO AO LONGO DA HISTORIA E DA HISTORIA DA ARTE
ENTREVISTA NA CADENA SER POLA CAMPAÑA DO 25N
Aquí podedes escoitar a entrevista ao alumnado de Moas e dúas profesoras do equipo de biblioteca e EDLG coordinadoras da actividade.
xoves, 24 de novembro de 2022
NAS MOAS DÁMOSLLE AS COSTAS Á VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES
Bibliomoas o e EDLG organizaron esta exposición con fotografías de alumnado e profesorado da nosa escola para visibilizar o noso rexeitamento á violencia contra as mulleres neste 25 de novembro.
No deseño desta exposición implicouse o equipo directivo, o claustro e especialmente o equipo de biblioteca e do EDLG, así como o persoal non docente do centro. E queremos agradecer expresamente a Anxos Fuciños, fotógrafa e deseñadora, e tamén responsable da cafetería do centro e que sempre nos axuda con moreas de cousas, e a Anxo Brañas, conserxe do instituto, a súa implicación na montaxe da exposición.
No IES Monte das Moas dámoslle as costas á violencia contra as mulleres e así loce xa o cartaz lila, xunto a unha pequena selección de literatura contra a violencia de xénero, no vestíbulo de entrada da escola para non deixarmos pasar este 25N sen dicir "NON Á VIOLENCIA MACHISTA".
QUERÉMONOS VIVAS SEN GOLPES QUE DOAN E SEN PALABRAS QUE FIRAN
NIN UNHA MÁIS!! NIN UNHA MENOS!!
mércores, 23 de novembro de 2022
PARTICIPACIÓN NO CONCURSO DE YOUTUBEIRAS 2022 DO ALUMNO DE 2º BACH
Xabier Gómez Romero, alumno da nosa escola en 2º Bach C participa con este vídeo no concurso de creación de contidos en galego Youtubeiras. Desfrutade do vídeo e non esquezades votalo para axudarlle e e oxalá poida resultar gañador do certame no que xa participou noutras ocasións.
Podedes ver o vídeo e votar por el nesta ligazón.
martes, 22 de novembro de 2022
PALESTRA DE CULTURA CABOVERDIANA NAS AULAS DE PORTUGUÊS
No dia de hoje as turmas de português da nossa escola puderam aprender muita coisa da cultura caboverdiana graças à interessante palestra dos professores caboverdianos Lourenço Gomes e o Elter Carlos. A actividade foi organizada polo Departamento de Língua e Literatura Galega e o EDLG.
Os professores explicaram para os miúdos das turmas de 1º, 2º e 3º da ESO que estudam português como segunda língua estrangeira, diferentes questões sobre a história, a paisagem, a cultura caboverdiana, a sua gastronomia, as manifestações musicais, o surgimento do crioulo, etc.
Adoramos conhecer o romance O Chiquinho do Baltasar Lopes e a música do "batuku", género musical cantado e tocado por mulheres em Cabo Verde e que foi proibido em época colonial, mas que agora também está presente na nossa Galiza nas terras de Burela.
Foi bem interessante conhecer tanta coisa sobre este fantástico país africano!! Adoramos a visita e ficamos agradecidas pela generosidade dos professores Lourenço, Elter e a Rosário. Sempre serão muito bem recebidos nestas terras da Corunha!! Voltem quando quiserem!!
luns, 21 de novembro de 2022
VISITA DA ESCRITORA BERTA DÁVILA
A escritora Berta Dávila visitou hoxe o noso centro nunha actividade organizada polo Departamento de Lingua Galega e o EDLG, e grazas á colaboración do Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña.
A autora mantivo unha charla co alumnado de 4º da ESO e de 1º de Bach na que lles contou moitas cousas interesantes sobre a súa actividade como poeta, narradora e editora e atendeu amablemente as preguntas do noso alumnado, que se mostrou moi interesado por ter a oportunidade de coñecer esta recoñecida escritora que presentou algunha das súas obras máis valoradas pola crítica e os lectores.
ENTREGA DE PREMIOS DOS MICRORRELATOS E TABOLEIROS DE SAMAÍN
Hoxe no recreo entregamos na biblioteca os premios dos microrrelatos ilustrados e banda deseñada de terror da convocatoria feita polo EDLG para celebrarmos o Samaín.
As persoas premiadas foron:
Manuela Díaz Real de 1º ESO C
Lola Vieites de 1º ESO B, na modalidade de debuxo
Mariano Salvador Carrillo Gómez de 2º ESO D
Noa Varela Guzmán de 3º ESO D
Alma Quing Ramas Corrales de 1º Bach B
Alberte Díaz Kirk de 1º Bach B, na modalidade de banda deseñada
xoves, 17 de novembro de 2022
xoves, 10 de novembro de 2022
mércores, 9 de novembro de 2022
EXPOSICIÓN DE INVENTOS GALEGOS NO MES DA CIENCIA
Para conmemorar o Mes da Ciencia en Galego e a ciencia feita en Galicia, o alumnado de 1º ESO nas aulas de Lingua Galega e Literatura deseñou estas maquetas de coñecidos inventos galegos ou realizou os seus propios inventos que podedes ver expostos no vestíbulo da nosa escola. Canta creatividade e que marabilla de nov@s inventor@s!!
EXPOSICIÓN SOBRE MULLERES XEÓLOGAS
Para conmemorar este mes da Ciencia en Galego, o Departamento de Bioloxía e Xeoloxía, en colaboración co EDGL da nosa escola, organizou esta fantástica exposición sobre mulleres xeólogas da autoría de Rosa María Mateos e Ana Ruiz Constán con fermosas ilustracións de Nívola Uyá que edita a Sociedade Xeolóxica de España.
Estamos desexando poder adquirir este libro para completar os nosos fondos da biblioteca, libro de cuxa tradución se encargou Irene Pérez Cáceres. Mentres, podedes desfrutar do traballo destas mulleres xeólogas no vestíbulo de entrada do instituto durante este mes de novembro.
Aquí podedes ver a publicación enteira: XEAS, MULLERES QUE ESTUDAN A TERRA.
Deixámosvos tamén as fotos da exposición nos taboleiros.
EXPOSICIÓN SOBRE A PAISAXE NO MES DA CIENCIA EN GALEGO
Para inaugurarmos o Mes da Ciencia en Galego, o EDLG do instituto colaborou cos departamentos de Ciencias na organización de actividades e exposicións e velaquí tedes a primeira.
O alumnado de 1º ESO A e B realizou uns traballos de investigación grupais para a materia de Bioloxía e Xeoloxía, nos que tiveron que elixir unha paisaxe deteriorada de Galicia, indagar sobre ela, e propoñer un plan para restaurala. Mirade que bonitos quedaron os traballos que podedes ver expostos no corredor das aulas de 1º ESO. Cantas paisaxes poderiamos salvar!!
martes, 8 de novembro de 2022
VISITA A COMPOSTELA CO ALUMNADO DE 3º ESO
Que emoción! Hoxe o alumnado de 3º de ESO viaxe en tren ata a capital de Galicia. A primeira vez para varias persoas.
Despois do xantar quedamos na praza do Obradoiro para coñecer as reviravoltas da catedral por fóra e por dentro así como as prazas que a rodean. Unha marabilla!
luns, 31 de outubro de 2022
EXPOSICIÓN DE MICRORRELATOS ILUSTRADOS E BANDA DESEÑADA ARREPIANTES
venres, 28 de outubro de 2022
TABOLEIROS DE TERROR EN 1º E 2º ESO
Os diferentes grupos de 1º e 2º da ESO, coordinados polos seus titores e titoras, animáronse a participar no concurso de taboleiros de terror organizado polo EDLG do noso instituto e velaquí podedes ver o arrepiante resultado. Axiña saberemos cales son os gañadores!!
Moitas grazas por participardes e parabéns pola vosa enorme e terrorífica creatividade!!
ENCONTRO LITERARIO COA ESCRITORA ANTÍA YÁÑEZ
No día de hoxe o alumnado de 1º e 2º de Bacharelato puido coñecer a escritora burelá Antía Yáñez nunha actividade deseñada polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega, coa colaboración da biblioteca e grazas ao financiamento do programa de Encontros Literarios da Subdirección Xeral do Libro e da Lectura do MEC.
A narradora centrouse en explicar cales foros as intencións e como foi o proceso creativo das súas novelas máis recoñecidas. Falou de Senlleiras, obra de lectura obrigatoria para o alumnado de 2º Bacharelato no segundo trimestre, e da súa recente publicación, Non penses nun elefante rosa que trata o tema da saúde mental.
O alumnado destes cursos tivo a oportunidade de establecer un coloquio con ela que amabelmente respondeu as súas cuestións e, ademais, deixounos asinados varios dos exemplares das súas obras que tedes dispoñibles na biblioteca do noso centro.
xoves, 27 de outubro de 2022
VISITA DO CREADOR DE VIDEOXOGOS EN GALEGO CARLOS DOURADO
Xa sabedes que na play store podedes atopar as súas creacións.
Dende aquí animámosvos a que probedes e difundades o seu traballo. É un rapaz moi novo, 23 anos, que está comezando e que precisa do noso apoio!
Esta actividade, organizada polo EDLG, foi posible grazas á colaboración do SNL do Concello da Coruña que ten esta charla como unha das que oferta a centros educativos para visibilizar traballos culturais feitos en galego.
Deixámosvos tamén unhas fotos de diferentes momentos da conversa.
mércores, 26 de outubro de 2022
MICRORRELATOS CON TÍTULOS E PORTADAS DE TERROR
O alumnado de 1º de Bacharelato na materia de Reforzo de Lingua Galega, coa colaboración do EDLG, elaborou estes microrrelatos a partir dos títulos e das portadas de terror para celebrar o Samaín 2022.