Biblioteca e EDLG do IES MONTE DAS MOAS
"Ler é soñar da man do outro" Fernando Pessoa
martes, 31 de outubro de 2023
martes, 24 de outubro de 2023
DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES
"O lema deste ano, "Tecendo Comunidades", pretende destacar o papel fundamental que desempeñan as bibliotecas na construción de lazos fortes dentro das nosas comunidades. Estas institucións son centros de conexión e aprendizaxe, onde as historias, as experiencias e os coñecementos son os fíos que unen aos cidadáns".
As bibliotecas escolares galegas amosáronse, e continúan facéndoo, como unha ferramenta ao servizo da comunidade educativa ofrecendo recursos, información e apoio. Cómpre reivindicalo e celebrar que son xanelas para ler, espazos onde aprender, lugares para descubrir, para encontrarse e convivir. A rede de bibliotecas escolares de Galicia leva moitos anos tecendo espazos de encontro nos que compartir experiencias e recursos, nos que conectar coa comunidade próxima ou a máis afastada, lugares que contribúen á formación dunha cidadanía crítica, activa e comprometida.
A biblioteca escolar, esa biblioteca pola que pasan todas as nenas e todos os nenos do país, a primeira biblioteca que lles aprende, tamén, a usar outras, que os pon en contacto con eses outros espazos do coñecemento e do lecer, eses lugares nos que pasan moitas cousas, que son as bibliotecas públicas, eses lugares que están sempre ao noso carón: as BIBLIOTECAS.
Este curso, o lema das bibliotecas escolares de Galicia UNHA BIBLIOTECA ESCOLAR EN VIÑETAS , e quere poñer o foco na importancia do cómic na formación do itinerario lector, a banda deseñada como un lugar no que encontrarse.
luns, 16 de outubro de 2023
DÍA DAS ESCRITORAS
O luns 16 de outubro celebramos o Día das Escritoras cunha gran exposición cos traballos realizados por alumnado de galego, portugués, castelán e inglés. Son semblanzas persoais e textos que visibilizan a estas mulleres que non sempre teñen nos libros de texto o peso que se merecen. Vide visitala!! Tamén podedes vela neste vídeo. Esperamos que vos guste.
xoves, 5 de outubro de 2023
CONCURSO DE MICRORRELATOS OU BANDA DESEÑADA DE TERROR
CONCURSO DE MICRORRELATOS ILUSTRADOS
OU BANDA DESEÑADA DE TERROR
SAMAÍN
EDLG E BIBLIOTECA IES MONTE DAS MOAS 2023
O alumnado de 3º e 4º da ESO e de Bacharelato poderá participar cos relatos que queira presentado en formato electrónico ou en papel e será enviado por correo ao seguinte enderezo bibliomontemoas@gmail.com ou entregado ao/á profesor/a de Lingua Galega e Literatura.
O microrrelato será exclusivamente en lingua galega.
Non superará a extensión de 150 palabras. Valorarase especialmente a orixinalidade e a cualidade narrativa, así como a inclusión de elementos propios do Samaín e da cultura popular galega relacionada coas ánimas, coa morte e cos defuntos.
Terá que ir acompañado dunha ilustración de medo que complemente o texto.
Os traballos entregaranse antes do martes, 31 de outubro e serán custodiados por membros do equipo do EDLG e da biblioteca ata que o xurado se reúna e escolla os mellores relatos, cuxos autores recibirán un premio.
Os relatos gañadores serán lidos, preferentemente pola persoa que os elaborou, nunha lectura dramatizada na biblioteca. Tamén serán incluídos na revista do EDLG, O Son Rebuldeiro, que se edita en formato dixital a final de curso e da que podedes ver aquí o último número.
luns, 2 de outubro de 2023
HORA DE LER NO IES MONTE DAS MOAS
Este ano comezamos coa Hora de ler en 1º e 2º da ESO. Vinte minutos de lectura en silencio e por pracer cada semana. Esperamos que vos guste esta experiencia. Aquí vos deixamos o calendario.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)