Biblioteca e EDLG do IES MONTE DAS MOAS
"Ler é soñar da man do outro" Fernando Pessoa

xoves, 21 de decembro de 2023

RECOMENDACIÓNS LECTORAS PARA O NADAL

EXPOSICIÓN DE POSTAIS DE NADAL

Están expostas na Biblioteca as fermosas postais de Nadal que fixestes. Vídeas ver e votade pola vosa preferida.

Grazas pola vosa participación nas actividades da Biblioteca escolar e do Equipo de Normalización Lingüística durante este trimestre.

Felices festas!!

luns, 27 de novembro de 2023

Visións, soños e mentiras, o territorio habitado por Picasso na Coruña

Esta semana 3º ESO C tivo a sorte de participar no proxecto VINTE 23. Visións, soños e mentiras. Un proxecto de intervención escénica e recuperación da memoria do territorio habitado polo pequeno Pablo Ruíz Picasso na Coruña.

O luns, 27 de novembro, Sete e Antonio viñeron ao instituto para amosarnos un petisco do que iamos ver na Casa Museo Picasso o xoves 30. Pertencen á compañía “Os náufragos teatro”. Este proxecto foi seleccionado como de especial interese cultural na provincia polo departamento de Cultura da Deputación da Coruña.

O noso instituto serviu de antesala para as intervencións escénicas que a compañía realizou ao longo da semana en varios puntos do territorio picassiano, no centro da cidade e coa colaboración da Casa Museo Picasso e dos Museos históricos da Coruña e nos que participaron diversas entidades sociais e educativas da provincia.

@museoshistoricoscoruna @cultura.coruna @osnaufragosteatro @osnaufragosteatro













venres, 24 de novembro de 2023

VIOLETA PARA O 25N

Nas Moas celebramos o 25 N, Día da Violencia Contra as Mulleres cunha exposición de cartaces e recomendacións de lecturas arredor do tema do feminismo ou novelas con historias que visibilizan e denuncian toda forma de violencia contra as mulleres.

Ademais parte da comunidade escolar veu vestida de violeta ou rosa este venres para mostrar o seu apoio á loita contra esta lacra, tal e como podedes ver nesta foto de alumnado de 1º ESO.




Alumnado de 1º ESO



xoves, 23 de novembro de 2023

RECURSOS PARA O 25N

https://www.canva.com/design/DAF0uJiZQyo/LE5_fboHzGKqnCdd1gDzdw/view?utm_content=DAF0uJiZQyo&utm_campaign=designshare&utm_medium=link&utm_source=viewer

venres, 17 de novembro de 2023

VIDEOCONFERENCIA DO DOUTOR JAVIER DE TORO NO MES DA CIENCIA EN GALEGO

O alumnado de 1º Bach A do itinerario científico asistiu este venres, 17 de novembro ás 12:00 a unha videoconferencia do doutor Francisco Javier de Toro Santos, xefe do Servizo de Reumatoloxía do CHUAC e vicepresidente do Colexio de Médicos da provincia da Coruña. A actividade foi organizada conxuntamente polo Departamento de Bioloxía e Xeoloxía e o Equipo de Dinamización Lingüística. 

O título da videoconferencia coordinada por Igaciencia foi Historia de vocación dun médico reumatólogo e o profesor explicou que a reuma non existe e disertou sobre a importancia da investigación en reumatoloxía. 

Ao longo de toda a conferencia lanzou diferentes preguntas que o alumnado dos centros asistentes podía responder a través do chat e así participar dun xeito máis dinámico.

Relatou como é a aprendizaxe dos médicos e reflexionou sobre a importancia da existencia dos colexios médicos e da súa función na sociedade. Explicou algúns dos proxectos que desenvolven dirixidos fundamentalmente a público adolescente. 

Un deses proxectos é "Risco 0" que xurdiu ao constatar o elevado número de abortos entre mozas e o abuso do emprego da pílula do día despois. "Risco cero" conta cunha app destinada a aprender sobre educación sexual para evitar embarazos non desexados, infeccions de trasnmisión sexuais e para concienciarnos da necesidade de desenvolver relacións sexuais sas. 

Outro proxecto dos que organizan é "Dálle ao teu corpo vida macarena" que tamén convocou concursos dirixidos a centros escolares para traballar sobre o coñecemento da RCP en cuxa 1ª edición gañou o CPI do Cruce de Cerceda.

Aquí tedes o enlace á videoconferencia se queredes volver asistir a ela. Aprendemos moito da excelente charla do doutor Francisco Javier de Toro quen no final da videoconferencia respondeu amabelmente as preguntas que lle chegaron das escolas participantes. 





mércores, 15 de novembro de 2023

NOVEMBRO, MES DA CIENCIA EN GALEGO

Desde que, no ano 2001, a UNESCO declarou o 10 de Santos como Día Mundial da Ciencia para a Paz e o Desenvolvemento, novembro pasou a ser para todos nós o Mes da Ciencia. En consonancia con isto, desde hai 11 anos o profesorado de Galicia celebra en novembro o Mes da Ciencia en Galego. O obxectivo desta conmemoración é o de mostrar que a lingua galega é útil e tan válida como calquera outra para facer pescuda, ensino e divulgación científica.

Como vén sendo habitual, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través dos equipos de dinamización da lingua galega, colabora con Igaciencia na organización dunha serie de webinarios de dinamización científica en galego, dirixidos aos centros educativos, especialmente aos de secundaria e bacharelato. En dous deles participaremos no noso instituto nunha colaboración conxunta do Departamento de Bioloxía e Xeoloxía co EDLG.

AldaoLado no Ágora

Este mércores, 15 de outubro, 50 alumnas e alumnos de 3º de ESO asistiron ao Ágora ao concerto da Banda AldaoLado nunha actividade organizada conxuntamente polo Departamento de Lingua Galega e o EDLG. 

Esta proposta parte do Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña e pertence ao programa “Falamos” que pretende promover a interacción entre a escola e a súa contorna para facer máis rendibles os recursos e os esforzos deses dous ámbitos en prol da normalización do galego.






A Banda AldaoLado está formada polas poetas Lucía Aldao e María Lado e polas músicas Violeta Mosquera na batería, Macarena Montesinos no baixo e Rubén Abad na guitarra. En 2019 Aldaolado centráronse en compoñer cancións con letra e música propia, temas que inclúen poemas da súa autoría. Así chegaron a xuntar un bo feixe de pezas que recolleron en dous discos de estudio. O primeiro deles, 'CASA!', foi publicado en 2021. E neste 2023 presentaron 'Forestal', o seu segundo traballo en formato banda, unha proposta máis expansiva para vestir as creacións das dúas poetas con novas texturas e acompañamentos sen ter que renunciar á proximidade de sempre.

Grazas por facerdes estas propostas tan interesantes! Aquí vos deixamos un vídeo dunha das súas actuacións.




martes, 14 de novembro de 2023

PROXECTO SOBRE O REINO DA GALIZA



Vimos de ter un encontro virtual con Xoán Curiel e Raquel Germade porque en xaneiro visitarán o nos centro co seu proxecto sobre o Reino da Galiza.

Xoán Curiel é un artista galego e tamén un autónomo que traballa no eido cultural dende o ano 2006. A súa actividade empresarial abrangue: dirección, interpretación, ideación e xestación dos proxectos que lidera; ademais da súa produción e venda.

Dende Abril do 2021, contrata a tempo completo a una xestora cultural experta en audiovisual: Paloma Hernández. Dende entón vólcanse como equipo en innovar e modernizar a estructura empresarial, os servizos e os proxectos desta PYME. Como artista, Xoán Curiel destaca polo seu perfil inquieto e polifacético: actor, cantante e músico profesional dende o ano 2000; cunha gran experiencia coma compositor (letra e música), director artístico, bailarín, actor, director de teatro e docente de teatro. Unha longa traxectoria artística que o ten levado polo mundo, compartindo e promovendo a cultura galega. Na actualidade presenta o seu sétimo traballo discográfico elaborado a partir de cantigas medievais da lírica medieval galego-portuguesa. Dito traballo foi nomeado nos XV Premios Opinión da Coruña deste ano 2022. Xoán presenta proxectos culturais de diversa índole. No eido infantil e familiar destacan espectáculos de gran éxito (A banda do verán) que combinan música, teatro, danza e didáctica. Noutra área, crea e dirixe o I e II Certame de canción de autor en galego de Teo.

Nada en Santiago de Compostela Raquel Germade Rey é artista plástica e muralista. Licenciada en Belas Artes, realizou esta formación en distintas universidades de España e América do sul: na F.B.A. de Pontevedra, na F.B.A. de Sevilla e na Universidade Federal de Santa Catarina (Brasil). Cursou tamén un posgrado en Ilustración na F.B.A. do Porto (Portugal). Actualmente está a traballar en distintos proxectos de pintura mural, entre os que cabe destacar o traballo realizado para o CRA de Teo, a partir do cal están a xurdir novos proxectos similares para outros CRA de Galicia. Ademáis da faceta muralística, Germade expón e vende a súa obra plástica coa Galería Dupla de Santiago de Compostela.

Premios e recoñecementos: Bolsas propias da Universidade de Vigo para estudos universitarios. Bolsa SÉNECA de intercambio nacional. Bolsa Erasmus Internacional. Canción de autor en galego de Teo. Bolsa Erasmus Internacional. Proxecto mural para CRA de Teo. Proxecto mural para o CRA de Dodro. Murais para particulares e empresas.

Actualmente traballa en proxectos para A Estrada e Santiago de Compostela.


sábado, 11 de novembro de 2023

GAÑADORES DO CONCURSO DE TABOLEIROS DE TERROR

Os taboleiros gañadores no Concurso de Taboleiros de Terror foron os das aulas de 1º ESO B e 2º ESO B que organizados polos seus titores decoraron a aula con estes traballados deseños.

Grupo de 2º ESO B

Grupo de 1º ESO B

 

TABOLEIROS DE TERROR DO SAMAÍN

Velaquí tedes o resultado da decoración dos taboleiros das aulas de 1º e 2º ESO para ambientar o noso instituto polo tempo do Samaín. Parabéns por participardes e moitas grazas a tod@s @s titores por colaborar. 
 

martes, 24 de outubro de 2023

DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES

"O lema deste ano, "Tecendo Comunidades", pretende destacar o papel fundamental que desempeñan as bibliotecas na construción de lazos fortes dentro das nosas comunidades. Estas institucións son centros de conexión e aprendizaxe, onde as historias, as experiencias e os coñecementos son os fíos que unen aos cidadáns".

As bibliotecas escolares galegas amosáronse, e continúan facéndoo, como unha ferramenta ao servizo da comunidade educativa ofrecendo recursos, información e apoio. Cómpre reivindicalo e celebrar que son xanelas para ler, espazos onde aprender, lugares para descubrir, para encontrarse e convivir. A rede de bibliotecas escolares de Galicia leva moitos anos tecendo espazos de encontro nos que compartir experiencias e recursos, nos que conectar coa comunidade próxima ou a máis afastada, lugares que contribúen á formación dunha cidadanía crítica, activa e comprometida.
 
A biblioteca escolar, esa biblioteca pola que pasan todas as nenas e todos os nenos do país, a primeira biblioteca que lles aprende, tamén, a usar outras, que os pon en contacto con eses outros espazos do coñecemento e do lecer, eses lugares nos que pasan moitas cousas, que son as bibliotecas públicas, eses lugares que están sempre ao noso carón: as BIBLIOTECAS. 
 
Este curso, o lema das bibliotecas escolares de Galicia UNHA BIBLIOTECA ESCOLAR EN VIÑETAS , e  quere poñer o foco na importancia do cómic na formación do itinerario lector, a banda deseñada como un lugar no que encontrarse.


luns, 16 de outubro de 2023

DÍA DAS ESCRITORAS

O luns 16 de outubro celebramos o Día das Escritoras cunha gran exposición cos traballos realizados por alumnado de galego, portugués, castelán e inglés. Son semblanzas persoais e textos que visibilizan a estas mulleres que non sempre teñen nos libros de texto o peso que se merecen. Vide visitala!! Tamén podedes vela neste vídeo. Esperamos que vos guste.











xoves, 5 de outubro de 2023

CONCURSO DE MICRORRELATOS OU BANDA DESEÑADA DE TERROR




CONCURSO DE MICRORRELATOS ILUSTRADOS 
OU BANDA DESEÑADA DE TERROR 
 
SAMAÍN 

EDLG E BIBLIOTECA IES MONTE DAS MOAS 2023 

O alumnado de 3º e 4º da ESO e de Bacharelato poderá participar cos relatos que queira presentado en formato electrónico ou en papel e será enviado por correo ao seguinte enderezo bibliomontemoas@gmail.com ou entregado ao/á profesor/a de Lingua Galega e Literatura. 

O microrrelato será exclusivamente en lingua galega. 

Non superará a extensión de 150 palabras. Valorarase especialmente a orixinalidade e a cualidade narrativa, así como a inclusión de elementos propios do Samaín e da cultura popular galega relacionada coas ánimas, coa morte e cos defuntos. 

Terá que ir acompañado dunha ilustración de medo que complemente o texto

Os traballos entregaranse antes do martes, 31 de outubro e serán custodiados por membros do equipo do EDLG e da biblioteca ata que o xurado se reúna e escolla os mellores relatos, cuxos autores recibirán un premio. 

Os relatos gañadores serán lidos, preferentemente pola persoa que os elaborou, nunha lectura dramatizada na biblioteca. Tamén serán incluídos na revista do EDLG, O Son Rebuldeiro, que se edita en formato dixital a final de curso e da que podedes ver aquí o último número.

CONCURSOS DE SAMAÍN

 


SAMAÍN: CONCURSO DE TABOLEIROS DE TERROR

Concurso de Samaín de decoración de taboleiros “terroríficos” con lemas en galego. Gañará o taboleiro máis orixinal, máis traballado e que trate o tema do Samaín: maxia, medo, Santa Compaña, lendas de inspiración galega… E o que teña o mellor lema en de Bibliomoas

luns, 2 de outubro de 2023

HORA DE LER NO IES MONTE DAS MOAS

Este ano comezamos coa Hora de ler en 1º e 2º da ESO. Vinte minutos de lectura en silencio e por pracer cada semana. Esperamos que vos guste esta experiencia. Aquí vos deixamos o calendario.

luns, 25 de setembro de 2023

BENVIDA AO NOVO CURSO

Damos a benvida a o curso 2023-24 a todos os membros da comunidade escolar. Este ano o lema das bibliotecas escolares é "Unha biblioteca escolar en viñetas", así que toca debuxar. Apetécevos? Ademais traballaremos en torno ás viaxes. Vés con nós? Comezamos... Viaxa e deseña!!!




 

NORMAS DE FUNCIONAMENTO DE BIBLIOMOAS

NORMAS DE BIBLIOMOAS de Bibliomoas

xoves, 15 de xuño de 2023

ENTREGA DE DIPLOMAS DE VOLUNTARIADO E CLUB DE LECTURA

No recreo deste xoves fixéronse entrega dos diplomas ao alumnado que forma o Voluntariado de biblioteca e os agasallos e diplomas das persoas participantes en todos os clubs de lectura deste curso.

sábado, 10 de xuño de 2023

O SON REBULDEIRO 2023

Aquí tedes o último número da nosa revista do EDLG realizada coa coordinación do equipo do EDLG e a colaboración da biblioteca e baixo a dirección técnica de Anxos Fuciños.

Nela podedes ver artigos, deseños e relatos de parte do alumnado de Moas, así como a colaboración especial de antigos profesores do centro.

Esperemos que vos guste!!

mércores, 7 de xuño de 2023

REPRESENTACIÓN DA PEZA TEATRAL "DOS ÑAQUES PARA UN PIOJO" NO IES ROSALÍA MERA

Velaquí as fotos da representación da peza teatral Dos ñaques para un piojo do noso grupo de teatro Telón de Aquiles no IES Rosalía Mera este mércores ás 16:00 da tarde.