Como cada curso e desde hai case 30 anos aquí vos presentamos a revista do Equipo de Dinamización da Lingua Galega, O Son Rebuldeiro, onde recollemos todas as actividades desenvolvidas no noso centro e impulsadas desde o EDLG para fomentar e difundir o uso da lingua galega, as actividades literarias e culturais na escola e na contorna próxima do barrio e da nosa cidade.
Foi un curso moi intenso que inauguramos co Proxecto sobre o Reino da Galiza ao abeiro da colaboración coa Deputación da Coruña e grazas ao que hoxe loce na porta da cafetería un fermoso mural de María Balteira realizado por Raquel Xermade e no que puidemos desfrutar dun concerto de Xoán Curiel no salón de actos onde estivo acompañado de alumnado músico da nosa escola.
Foron moitas as efemérides celebradas desde o Día das Escritoras, o Samaín con arrepiantes decorados de medo nos taboleiros das aulas de 1º e 2º ESO, os mundos creativos de Picasso na nosa cidade, o certame de curtas de Cinema Diverso, o concerto de Aldaolado no Ágora, o mes da Ciencia en Galego con deseños e conferencias científicas na nosa lingua, o 25N, o Día da Paz, o 8M cunha exposición de personaxes femininas da banda deseñada acorde coa temática da Asesoría de Bibliotecas deste curso, o Día da Candeloria, o Día da Muller e da Nena na Ciencia, o Mes do Libro, etc.
Na revista recóllense deseños creativos do alumnado como as postais de Nadal en galego, os poemas debuxados na conmemoración do Día de Rosalía de Castro, debuxos para lembrar os 50 anos da Revolução dos Cravos o 25 de abril que realizou o alumnado de portugués,
Damos mostra tamén da calidade literaria da nosa rapazada que participou no concurso de microrrelatos de terror polo Samaín ou que escribiu relatos propostos nas aulas de Lingua Galega e Literatura.
Unha campaña da que nos sentimos especialmente orgullosas é da participación activa do noso alumnado como dinamizadores lingüísticos nos barrios do Castrillón, Os Castros, A Gaiteira ou Eirís no seo da exitosa campaña Aquí tamén se fala coordinada polo IES Rafael Dieste do barrio da Agra do Orzán, mais que sumou a máis de 100 centros de toda Galiza. Na revista recollemos algunhas das fotos do comercio local implicado na campaña, así como os testemuños de alumnas que participaron nela.
Un lugar especial dentro da revista ocúpano as actividades literarias, como a charla do poeta e mariñeiro Xosé Iglesias no Día da Poesía, o Encontro literario con Paula Carballeira grazas á colaboración do proxecto do MEC e todas as actividades realizadas no Mes das Letras dedicado este ano á xenial poeta coruñesa Luísa Villalta. Outro roteiro literario e cultural organizado conxuntamento co Departamento de Lingua e Literatura Galega foi o de Rianxo arredor da figura de Manuel Antonio.
Coincidindo coa celebración dunha poeta e música, organizamos unha exposición de música en galego con cartolinas e códigos QR a cancións en galego escollidas polo alumnado e que soaron tamén na escola durante os recreos. Elaboramos marcapáxinas sobre esta escritora e realizamos tres interesantes roteiros polas rúas coruñesas arredor da súa obra.
Un apartado especial constitúeno os artigos sobre accesibilidade cognitiva, xa que este ano, grazas ao traballo voluntario dun dos colaboradores do EDLG máis activos, Daniel Collazo Barcia de 4º ESO B, puidemos inaugurar a biblioteca inclusiva e participar nas charlas que el deu ao resto dos compañeiros e das que tamén dá conta nun artigo recollido na revista.
Ningún comentario:
Publicar un comentario