Biblioteca e EDLG do IES MONTE DAS MOAS
"Ler é soñar da man do outro" Fernando Pessoa

luns, 29 de novembro de 2021

HOMENAXE Á ESCRITORA ALMUDENA GRANDES

Este pasado sábado faleceu aos 61 anos a escritora Almudena Grandes, unha das figuras máis importantes da literatura en español. A autora, que nos últimos anos estaba embarcada nun ambicioso proxecto no que daba voz aos derrotados do século XX español, anunciou hai algo máis dun mes na súa columna en 'El País Semanal' que padecía cancro desde había pouco máis dun ano. 

A autora de obras como Las edades de Lulú (1989), Malena es un nombre de tango (1994) ou El corazón helado (2007), entre outros, recibiu ao longo da súa traxectoria diversos recoñecementos, como o Premio Nacional de Narrativa (2018), o Premio de Xornalismo Internacional 2020 do Club Internacional de Prensa ou o Premio Fundación José Manuel Lara (2008).

Coa súa obra Las edades de Lulú obtivo o Premio La Sonrisa Vertical, en 1989. Esta obra, que adaptou ao cine Bigas Luna en 1990, foi a primeira de oito novelas, ademais dos seus Episodios de una guerra interminable, que comezou a escribir en 2010 e nos que relatou a resistencia antifranquista tras a Guerra Civil e até 1964, e dous libros de relatos.

Lamentablemente non poderá escribir máis obras magníficas, mais na nosa biblioteca tedes ao voso dispor algunha das súas mellores obras, varias tamén adaptadas ao cinema. De esquerdas, republicana e anticlerical, esta analista do seu tempo, de pluma precisa e certeira, ben merece vivir eternamente a través do legado das súas obras que non queremos deixar de recomendarvos.

 

xoves, 25 de novembro de 2021

MARGARIDAS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Neste 25N, Día contra violencia de xénero, desde o EDLG e a biblioteca organizamos esta actividade que consistiu no deseño de margaridas con lendas contra a violencia de xénero que se foron decorando en cada un dos nosos grupos até confeccionar un xardín violeta de margaridas nos corredores a carón da biblioteca.


luns, 22 de novembro de 2021

HOMENAXE A DARÍO XOHÁN CABANA

Por mor do pasamento do poeta chairego Darío Xohán Cabana o EDLG e a biblioteca elaboraron este vídeo con imaxes e obras do escritor como homenaxe a un dos autores máis destacados da literatura galega contemporánea. 

A letra de "Compañeiro, Daniel" é un poema de homenaxe que Darío Xohán Cabana escribiu para Castelao e nós neste vídeo queremos lembrar a figura do poeta de Cospeito que tan boa literatura nos legou e que foi exemplo de compromiso coa cultura da nosa terra. 

 Até sempre, mestre! Que a terra che sexa leve. Venceremos nós!!


xoves, 18 de novembro de 2021

CIENCIA EN GALEGO EN BIBLIOMOAS

Este mes de novembro celébrase o Mes da Ciencia en Galego nas bibliotecas escolares de Galicia e desde Biblio Moas, en colaboración co EDLG do centro, deseñamos esta publicación con recomendación bibliográficas para lermos ciencia en galego. Hai de todas as materias: ecoloxía, natureza, matemáticas, climatoloxía, figuras femininas dedicadas á ciencia e á investigación, oceanografía e obras de grandes divulgadores de ciencia na nosa lingua como Ángel Carracedo, Xurxo Mariño ou Jorge Mira. 

Mais como non queremos esquecernos de que hai moita rapazada nova investigadora e divulgadora de temas científicos na nosa lingua, ofrecémosvos tamén unha selección de sitios web, contas de Facebook ou Twitter e canles divulgativas de Youtube ou Twich que tratan diferentes temáticas e dun modo divulgativo para achegarnos ciencia de cualidade e no noso idioma.

Quen dixo que en galego non se fai ciencia? Velaquí tedes a mostra de que é outra das repetidas falacias que doadamente podemos desmontar con esta coidada selección bibliográfica. Lembrade que todas estas obras forman parte do catálogo da nosa biblioteca e podedes levalas de empréstito para desfrutar da mellor ciencia en galego!!



NOVEMBRO, MES DA CIENCIA EN GALEGO

Coincidindo coa celebración de Mes da Ciencia en Galego neste mes de novembro, o Departamento de Bioloxía organizou unha exposición con traballos feitos polo alumnado de 1º da ESO sobre ciencia en galego no que tratan temas como as constelacións, a lúa, os hábitos saudables, a pirámide de alimentos, etc. 

Podedes ver a exposición destes cartaces no corredor a carón da biblioteca.

luns, 15 de novembro de 2021

Visita da ilustradora coruñesa Xulia Pisón coa charla "Camiños para debuxar"



Organizado polo equipo do EDLG e grazas á colaboración do Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña visitou o noso centro a ilustradora e debuxante de banda deseñada coruñesa, Xulia Pisón. A charla foi organizada para o alumnado de 1º de Bacharelato de Debuxo Técnico co título de "Debuxando o teu camiño".

Xulia Pisón é ilustradora e debuxante de cómic. Cursou estudos de Ilustración na EASD Pablo Picasso.


Recibiu o 1º premio do Certame Xuventude Crea de BD de 2015. Editou o fanzine McCactus en 2015, e en 2016 publicou (∞-1) con Alita Cómics. Entre os traballos de ilustración que realizou destaca o cartel das Festas de María Pita da Coruña en 2017. 


Algunhas das súas obras son unha historieta curta no volume Licor café editado por Demo editorial. Recentemente publicou unhas interesantes bandas deseñadas sobre Microalgas co selo da Universidade da Coruña, dous cómics de aventuras que achega o mundo submarino a través da personalización de certos elementos, creando a estrutura e o guión dunha historia de superheroes e creando referentes de xénero para as mozas, xa que o protagonismo recae sobre personaxes femininos. Podede ver nesta ligazón toda a súa obra.

A charla co alumnado tratou sobre a súa traxectoria como debuxante e autora galega, sobre a identidade e sobre a procura do noso lugar neste mundo. Cómpre salientar que Xulia Pisón ten participado en charlas nas que reflexiona sobre os seus inicios, os principais obstáculos das mulleres no mundo da ilustración e que enfoca moitas das súas propostas na calidade e na apertura dos guións cara temáticas que interesen tamén ás mozas como público potencial do mundo da banda deseñada.

Podedes seguir a Xulia Pisón na rede en xuliape.tumblr.com. Tamén hai obras dela entre o catálogo da nosa biblioteca por se queredes seguir desfrutando das súas historias gráficas.





venres, 5 de novembro de 2021

ENTREGA DE PREMIOS DE SAMAÍN

Este venres durante o recreo na biblioteca celebrouse a entrega de premios do concurso de carteis de terror do Samaín.

O alumnado premiado foi o seguinte:

Na categoría de 1º e 2º ESO

-Ángel Ariel Canchapoma Cuadrado de 1º ESO B

- Alejandro Rodeiro Iglesias de 1º ESO B

 

 Na categoría de 3º e 4º ESO  

- Nerea Xenevra Caridad Brión de 3º ESO D

- Sabela Pérez Regueira de 3º ESO D

 Mención de honra pola cualidade do debuxo: Samuel Pérez de 3º ESO D

 



Velaquí podedes ver as fotos da entrega de premios nun acto na biblioteca no que alumnado de 1º ESO preparou de agasallo para @s compañeir@s premiad@s unha lectura dramatizada do conto "Eu teño medo" de Cando petan na porta pola noite de Xabier Docampo.