Biblioteca e EDLG do IES MONTE DAS MOAS
"Ler é soñar da man do outro" Fernando Pessoa

mércores, 22 de decembro de 2021

CANTOS DE REIS NAS MOAS

Desta maneira tan amena e entretida púxose remate ás aulas deste primeiro trimestre. Alumnado da ESO e de Bacharelato preparou estes Cantos de Reis para ir polas aulas e facer nos corredores do instituto esta pequena foliada para celebrar o Nadal nas Moas.


venres, 17 de decembro de 2021

CREATIVAS RECOMENDACIÓNS DE LECTURAS EN GALEGO

Xa podedes ver nos nosos corredores a exposición dos creativos traballos de recomendación de lecturas como Escarlatina, a cociñeira defunta ou Jules Verne e a vida das mulleres planta de Ledicia Costas, Atranco no banco de Manuel Núñez Singala, e Corredora de María Reimóndez.

Foron realizadas polo alumnado de 1º ESO na materia de Lingua e Literatura Galega que elaboraron diversas recomendacións lectoras para os seus compañeiros en forma de lapbook, xogos ou caixas cheas de información para desenvolver o gusto pola lectura en galego.

Nestas fotos podedes ver o alumnado explicando os seus traballos que aparecen no vídeo.






VISITA AO TEATRO DE 1º ESO

O alumnado de 1º ESO acudiu á peza teatral Don Gaiferos nunha saída ao Fórum organizada polo Departamento de Lingua e Literatura Galega.





sábado, 11 de decembro de 2021

RECOMENDACIÓNS DE LECTURA PARA O NADAL

Aquí vos deixamos as nosas recomendacións de lecturas para o Nadal onde podedes atopar poesía, narrativa, banda deseñada e obras publicadas recentemente en diferentes idiomas que vos darán ideas para agasallar as vosas persoas queridas ou mesmo facervos un auto regalo. Sempre os teredes ao voso dispor como préstamo na nosa biblioteca a partir do 2022!! 

 Moi Bo Nadal cheo de boas lecturas!!

 

luns, 29 de novembro de 2021

HOMENAXE Á ESCRITORA ALMUDENA GRANDES

Este pasado sábado faleceu aos 61 anos a escritora Almudena Grandes, unha das figuras máis importantes da literatura en español. A autora, que nos últimos anos estaba embarcada nun ambicioso proxecto no que daba voz aos derrotados do século XX español, anunciou hai algo máis dun mes na súa columna en 'El País Semanal' que padecía cancro desde había pouco máis dun ano. 

A autora de obras como Las edades de Lulú (1989), Malena es un nombre de tango (1994) ou El corazón helado (2007), entre outros, recibiu ao longo da súa traxectoria diversos recoñecementos, como o Premio Nacional de Narrativa (2018), o Premio de Xornalismo Internacional 2020 do Club Internacional de Prensa ou o Premio Fundación José Manuel Lara (2008).

Coa súa obra Las edades de Lulú obtivo o Premio La Sonrisa Vertical, en 1989. Esta obra, que adaptou ao cine Bigas Luna en 1990, foi a primeira de oito novelas, ademais dos seus Episodios de una guerra interminable, que comezou a escribir en 2010 e nos que relatou a resistencia antifranquista tras a Guerra Civil e até 1964, e dous libros de relatos.

Lamentablemente non poderá escribir máis obras magníficas, mais na nosa biblioteca tedes ao voso dispor algunha das súas mellores obras, varias tamén adaptadas ao cinema. De esquerdas, republicana e anticlerical, esta analista do seu tempo, de pluma precisa e certeira, ben merece vivir eternamente a través do legado das súas obras que non queremos deixar de recomendarvos.

 

xoves, 25 de novembro de 2021

MARGARIDAS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Neste 25N, Día contra violencia de xénero, desde o EDLG e a biblioteca organizamos esta actividade que consistiu no deseño de margaridas con lendas contra a violencia de xénero que se foron decorando en cada un dos nosos grupos até confeccionar un xardín violeta de margaridas nos corredores a carón da biblioteca.


luns, 22 de novembro de 2021

HOMENAXE A DARÍO XOHÁN CABANA

Por mor do pasamento do poeta chairego Darío Xohán Cabana o EDLG e a biblioteca elaboraron este vídeo con imaxes e obras do escritor como homenaxe a un dos autores máis destacados da literatura galega contemporánea. 

A letra de "Compañeiro, Daniel" é un poema de homenaxe que Darío Xohán Cabana escribiu para Castelao e nós neste vídeo queremos lembrar a figura do poeta de Cospeito que tan boa literatura nos legou e que foi exemplo de compromiso coa cultura da nosa terra. 

 Até sempre, mestre! Que a terra che sexa leve. Venceremos nós!!


xoves, 18 de novembro de 2021

CIENCIA EN GALEGO EN BIBLIOMOAS

Este mes de novembro celébrase o Mes da Ciencia en Galego nas bibliotecas escolares de Galicia e desde Biblio Moas, en colaboración co EDLG do centro, deseñamos esta publicación con recomendación bibliográficas para lermos ciencia en galego. Hai de todas as materias: ecoloxía, natureza, matemáticas, climatoloxía, figuras femininas dedicadas á ciencia e á investigación, oceanografía e obras de grandes divulgadores de ciencia na nosa lingua como Ángel Carracedo, Xurxo Mariño ou Jorge Mira. 

Mais como non queremos esquecernos de que hai moita rapazada nova investigadora e divulgadora de temas científicos na nosa lingua, ofrecémosvos tamén unha selección de sitios web, contas de Facebook ou Twitter e canles divulgativas de Youtube ou Twich que tratan diferentes temáticas e dun modo divulgativo para achegarnos ciencia de cualidade e no noso idioma.

Quen dixo que en galego non se fai ciencia? Velaquí tedes a mostra de que é outra das repetidas falacias que doadamente podemos desmontar con esta coidada selección bibliográfica. Lembrade que todas estas obras forman parte do catálogo da nosa biblioteca e podedes levalas de empréstito para desfrutar da mellor ciencia en galego!!



NOVEMBRO, MES DA CIENCIA EN GALEGO

Coincidindo coa celebración de Mes da Ciencia en Galego neste mes de novembro, o Departamento de Bioloxía organizou unha exposición con traballos feitos polo alumnado de 1º da ESO sobre ciencia en galego no que tratan temas como as constelacións, a lúa, os hábitos saudables, a pirámide de alimentos, etc. 

Podedes ver a exposición destes cartaces no corredor a carón da biblioteca.

luns, 15 de novembro de 2021

Visita da ilustradora coruñesa Xulia Pisón coa charla "Camiños para debuxar"



Organizado polo equipo do EDLG e grazas á colaboración do Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña visitou o noso centro a ilustradora e debuxante de banda deseñada coruñesa, Xulia Pisón. A charla foi organizada para o alumnado de 1º de Bacharelato de Debuxo Técnico co título de "Debuxando o teu camiño".

Xulia Pisón é ilustradora e debuxante de cómic. Cursou estudos de Ilustración na EASD Pablo Picasso.


Recibiu o 1º premio do Certame Xuventude Crea de BD de 2015. Editou o fanzine McCactus en 2015, e en 2016 publicou (∞-1) con Alita Cómics. Entre os traballos de ilustración que realizou destaca o cartel das Festas de María Pita da Coruña en 2017. 


Algunhas das súas obras son unha historieta curta no volume Licor café editado por Demo editorial. Recentemente publicou unhas interesantes bandas deseñadas sobre Microalgas co selo da Universidade da Coruña, dous cómics de aventuras que achega o mundo submarino a través da personalización de certos elementos, creando a estrutura e o guión dunha historia de superheroes e creando referentes de xénero para as mozas, xa que o protagonismo recae sobre personaxes femininos. Podede ver nesta ligazón toda a súa obra.

A charla co alumnado tratou sobre a súa traxectoria como debuxante e autora galega, sobre a identidade e sobre a procura do noso lugar neste mundo. Cómpre salientar que Xulia Pisón ten participado en charlas nas que reflexiona sobre os seus inicios, os principais obstáculos das mulleres no mundo da ilustración e que enfoca moitas das súas propostas na calidade e na apertura dos guións cara temáticas que interesen tamén ás mozas como público potencial do mundo da banda deseñada.

Podedes seguir a Xulia Pisón na rede en xuliape.tumblr.com. Tamén hai obras dela entre o catálogo da nosa biblioteca por se queredes seguir desfrutando das súas historias gráficas.





venres, 5 de novembro de 2021

ENTREGA DE PREMIOS DE SAMAÍN

Este venres durante o recreo na biblioteca celebrouse a entrega de premios do concurso de carteis de terror do Samaín.

O alumnado premiado foi o seguinte:

Na categoría de 1º e 2º ESO

-Ángel Ariel Canchapoma Cuadrado de 1º ESO B

- Alejandro Rodeiro Iglesias de 1º ESO B

 

 Na categoría de 3º e 4º ESO  

- Nerea Xenevra Caridad Brión de 3º ESO D

- Sabela Pérez Regueira de 3º ESO D

 Mención de honra pola cualidade do debuxo: Samuel Pérez de 3º ESO D

 



Velaquí podedes ver as fotos da entrega de premios nun acto na biblioteca no que alumnado de 1º ESO preparou de agasallo para @s compañeir@s premiad@s unha lectura dramatizada do conto "Eu teño medo" de Cando petan na porta pola noite de Xabier Docampo.



domingo, 31 de outubro de 2021

DESEÑOS DE TERROR NO SAMAÍN DE BIBLIOMOAS

Velaquí tedes os deseños de terror que creastes para o concurso de Samaín e que esta semana decoran a nosa biblioteca e os corredores das Moas. 

Axiña saberedes cales son os premiados e farase na biblioteca a entrega de agasallos. Parabéns a todas as persoas que participastes con tanto talento "arrepiante e monstruoso"!!




martes, 26 de outubro de 2021

EXPOSICIÓN DE CANTIGAS MEDIEVAIS DE MARTÍN DE PADROZELOS



Desde o 26 de outubro ata o 5 de novembro estará no instituto a exposición "De Amor e de Amigo, as cantigas de Martín de Padrozelos organizada Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Satiago (APECSA) coa colaboración de Política Ligüística a través do Equipo de dinamización da lingua galega (EDLG).

A exposición consta doce paneis que recollen as nove cantigas de amigo e unha de amor de Padrozelos, así como un mapa elaborado por Xosé Vázquez que relaciona os lugares importantes na vida do trobador, nado na segunda metade do século XI, e aqueles que menciona nas súas composicións.



Acompañan esta exposición unha guía didáctica elaborada por Dulce Fernández Graña e un vídeo documental "Trobador no Camiño: andares pola lírica de Martín de Padrozelos" que se pode ver na seguinte ligazón https://www.youtube.com/watch?v=nm3bwdWrQ4Q&t=1s

Animádevos a coñecer un pouco máis a literatura medieval!! 





Alumnado de 3º ESO e 1º Bach vendo a exposición






Participación do noso alumnado no concurso Youtubeiras co vídeo "Amemos o noso"

Participa no concurso Youtubeiras apoiando o vídeo duns alumn@s e compañeir@s do noso instituto que se creou neste 2021 co apoio do profesorado de Lingua Galega e Literatura.

TEDES ATA O DÍA 3 DE NOVEMBRO PARA VOTAR.

Podedes participar e votar polo vídeo dos vos@s compañeir@s premendo na seguinte ligazón:

xoves, 21 de outubro de 2021

FORMACIÓN DE USUARI@S NA SEMANA DAS BIBLIOTECAS


O próximo día 24 de outubro é o Día das Bibliotecas e para conmemoralo desde Biblio Moas imos comezar coa formación de usuarios para a rapazada de 1º da ESO, acabada de chegar ao noso instituto para que coñezan as normas e os modos de acceder á biblioteca para solicitar empréstitos, achegar suxestións, ler distendidamente ou empregala como sala de estudo e investigación. Ademais coñecer o espazo físico da biblioteca permitiralles coñecer este blog e todo o profesorado do equipo publicitará nestas xornadas as actividades de dinamización que se deseñan e levamos a cabo ao longo de todo o curso escolar.


domingo, 17 de outubro de 2021

DÍA DAS ESCRITORAS 2021. ESCRITORAS GALEGAS CONTEMPORÁNEAS

O EDLG e a biblioteca ofrece esta escolma de textos seleccionada por varias profesoras de literatura de diferentes centros escolares galegos para conmemorar o Día das Escritoras 2021. Nela recóllense poemas e fragmentos narrativos de autoría feminina das nosas escritoras máis contemporáneas. 

Esperamos que desfrutedes coa súa lectura e lembrade que no catálogo da nosa biblioteca están ben representadas estas novas voces e outras xa consolidadas da nosa literatura galega para o voso desfrute. E ao longo deste curso iremos incorporando novidades que contribúan a enriquecer o noso fondo de empréstitos.


venres, 15 de outubro de 2021

SAMAÍN ARREPIANTE NAS MOAS 2021

Como todos os anos nesta época, desde a biblioteca e o EDLG do centro convocamos un concurso para celebrar un Samaín terrorífico que nos permita decorar cos vosos deseños máis arrepiantes os corredores e a biblioteca das Moas. Animádevos a participar e deixade voar a vosa imaxinación e creatividade entre mouchos, bruxas, cabazas, morcegos ou castelos endiañados!!

TEDES DE PRAZO ATA O 25 DE OUTUBRO PARA A ENTREGA DOS CARTACES QUE SE EXPORÁN NA BIBLIOTECA!!


luns, 20 de setembro de 2021

Protocolo Covid de uso en Bibliomoas no curso 2021/2022

Agora que comeza un novo curso, deixamos por aquí as normas actualizadas do uso da nosa biblioteca actualizadas coa normativa Covid vixente para os espazos escolares. 

Queremos seguir sendo a vosa biblioteca de referencia e axudarvos a localizar as vosas lecturas e asemade animarvos a participar das actividades de dinamización que organizaremos desde ela ao longo do curso. 

Desde Bibliomoas desexámosvos un bo curso e tentaremos contribuír a que toda a comunidade escolar desfrute e alimente o seu hábito lector con actividades entretidas. Irémosvos dando conta por aquí das novidades chegadas á nosa biblio e non dubidedes en nos suxerir novas adquisicións que contribúan a enriquecer o noso amplo catálogo, así como recorrer a todo o equipo de biblioteca para que vos fagamos recomendacións que vos axuden a continuar desfrutando da lectura e da creación literaria ou artística.

Moi bo curso para todas e todos!! Ánimo!!

O equipo de biblioteca

 

Protocolo Uso Da Biblioteca... by Bibliomoas

martes, 29 de xuño de 2021

luns, 21 de xuño de 2021

MAKAKO NEWS

 "Telediario" elaborado por alumnado de 2º de ESO C na materia de Lingua Castelá. 

Para pasar un bo anaco...


venres, 11 de xuño de 2021

As Letras en EPVeA

 O alumnado de 4º de ESO da materia de Educación PLásica  realizou magníficos colaxes partindo da figura de Xela Arias.

Velaquí o seu traballo.

mércores, 9 de xuño de 2021

Colaxes de XELA

 Colaxes realizados por alumnado de 1º C,D e E de ESO para traballar a obra da escritora homenaxeada. Cada alumno/a debía representar nun colaxe un par de versos da obra de Xela Arias: Darío a Diario

Esta selección ordenouse ao finalizar o traballo de xeito que mediante diferentes colaxes reproduciron poemas da autora luguesa.


luns, 31 de maio de 2021

ESTREA DE "Voaxa e Carmín"

 

O grupo de teatro do IES Monte das Moas presenta a obra "Voaxa e Carmín" de Esther F. Carrodeguas no salón de actos o vindeiro venres 4 de xuño ás 11:30.

Debido ás medidas Covid non haberá público pero será retransmitida en directo.

 https://www.youtube.com/watch?v=KSSS4GOxNn8&ab_channel=FROUMASTREAM



venres, 28 de maio de 2021

COLAXE POLA IGUALDADE DE 2º ESO

O alumnado de 2º ESO elaborou estas colaxes pola igualdade no seo do proxecto "Donas de seu" e velaquí o fermoso resultado.

mércores, 26 de maio de 2021

Novas adquisicións na biblio

 Grazas a achega económica do PLAMBE (Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares) do que formamos parte dende hai 6 anos, mercamos 4 ordenadores,un revisteiro e renovamos o proxector coa idea de dar un mellor servizo ao noso alumnado e profesorado.

Ademais imprimimos novos LECTURÓMETROS, o noso orixinal carné-marcapáxinas, cun deseño chamativo para o deleite dos nosos lectores máis pequenos.

venres, 21 de maio de 2021

XELA ARIAS

O alumado da ESO realizou este recitado do poema "Hasme oír" de Intempériome de Xela Arias para homenaxear a poeta nestas Letras Galegas 2021.


xoves, 20 de maio de 2021

Premiados no concurso de Bookface

 Fixemos hoxe a entrega dos premios do concurso de Bookface que organizamos  dentro das actividades do do Día do Libro. 

Estos son os premiados:

1º Premio: David Hernando Alvariños de 1º ESO C

Empatadas a puntos entregamos dous 2ºs premios a:

María Pereiro Celeiro de 1º D

Noa Vila Orizales de 1º E

O resto dos finalistas tamén recolleron o seu pequeno agasallo.



luns, 17 de maio de 2021

Día das Letras: AMEMOS O NOSO!

 Un dos vídeos publicitarios elaborados na materia de Galego no que dous alumnos de 4º de ESO, Sara e Xabi, poñen en valor a nosa lingua.

FELIZ DÍA DAS LETRAS GALEGAS!

mércores, 5 de maio de 2021

DÍA DO LIBRO: As nosas portadas

 Alumnado de 2º de ESO D elaborarou na clase de Castelán unhas orixinais portadas máis unhas pequenas recensións de libros que lles gustaron especialmente. 

Para gozar!!

luns, 3 de maio de 2021

venres, 23 de abril de 2021

DÍA DO LIBRO: Premiados no concurso "Pandemia de cartas"

 Presentamos as fotos que recollen a entrega de premios do concurso "Pandemia de Cartas" realizado con motivo do Día do libro promovido pola biblioteca do Castrillón.

Os premiados son:

1º Premio: Noa Vila Orizales de 1º  ESO E

2º premio: Mariano Carrillo Gómez de 1º ESO D

3º premio: Jeismar Burgueza de 1º ESO E

4º premio: Marta Lamas Castro de 1º ESO C

Noa recibe o premio na súa clase de mans das bibliotecarias do Castrillón, Belén e Alicia.

Os catro premiados pousan con Belén.


mércores, 7 de abril de 2021

Un conto moi especial, os contos do alumnado de 1º ESO B

Deixamos aquí estes contos creados polo alumnado de 1º ESO B coordinados pola súa profesora Xulia Martínez Pedreira.

martes, 6 de abril de 2021

TOPONIMIA DA CORUÑA, CHARLA DE IVÁN MÉNDEZ LÓPEZ

 

Hoxe o alumnado de 1º Bacharelato A e B puideron asistir a unha charla sobre a "Toponimia da Coruña" impartida polo profesor e investigador Iván Méndez López que se centrou en explicar algúns dos topónimos máis interesantes da nosa cidade e do barrio do Castrillón. Esta charla foi organizada pola biblioteca e o EDLG do noso instituto.


domingo, 21 de marzo de 2021

Os lugares de "Marineda"

 Magífica presentación que varias alumnas de 4º de ESO da materia de Lingua Castelá e Literatura  fixeron sobre os lugares de "Marineda", localizacións do texto de La Tribuna, famosa novela de Emilia Pardo Bazán, que representan figurativamnete recunchos da cidade de A Coruña . Nos traballos podemos localizar nun mapa da nosa cidade ditos sitios xunto con fotos dos lugares antaño e na actualidade

Traballo de Candela Nogareda (4ºC). Clica na foto.

Traballo de Irene Quintela Valiño (4º A):

Traballo de Sofía González Tohux (4ºC):

 

 

xoves, 11 de marzo de 2021

HAIKUS

Orixinais haikus realizados por alumnado de 1º de ESO na materia de Lingua Castelá

Para gozar...

domingo, 7 de marzo de 2021

DÍA DA MULLER: Coruñesas Ilustres


 Un ano máis a comunidade educativa feminina  do IES Monte das Moas únese para homenaxear a mulleres salientables en diversos eidos ao longo da historia.  Nesta ocasión escollemos mulleres nadas na provincia da Coruña con moi diversas actividades profesionais e sociais.

Debido á problemática da pandemia publicamos o conxunto de biografías, fotos e outros retallos en formato virtual e no corredor principal expuxemos uns pequenos cartaces coa información básica sobre as mulleres escollidas xunto cun código QR que nos leva a todas as biografías.


   O profesorado que queira traballar a exposición deberá facelo online seguindo esta ligazón  (AQUÍ) ou ben a través de calquera dos códigos QR dos cartaces.

 

 

 

mércores, 3 de marzo de 2021

V Concurso Microrrelatos e Haikus Amnistía Internacional

 Como todos  os anos publicamos o anuncio deste concurso que tan bos resultados deu no noso centro co apoio da materia de Filosofía.

O principal  obxectivo é " fomentar defensa dos Dereitos Humanos no alumnado de secundaria e familiarizalo co labor da Rede".

 Os relatos enviaranse ao correo electrónico do Grupo da Coruña. acoruña@es.amnesty.org. Pdedes consultar as bases no Facebook de Amnistía Internacional.

Moita sorte aos participantes.


 

luns, 22 de febreiro de 2021

Fotografía premiada no "Concurso Virtual de Entroido"

 Presentamos a fotografía premiada no concurso, unha recreación da famosa pintura de Magritte "O Fillo do Home" realizada polo alumno de 1º C de ESO David Hernando Alvariñas.

 Parabéns!!!

 E aquí tendes as fotos finalistas:

 


luns, 15 de febreiro de 2021

O Mundo Máxico de Antón

 A rapazada de 1º de ESO de Moas tivo a sorte de gozar da arte de Antón Romero Piñeiro de Portosín.  Os nenos escribíronlle cartas agradecéndolle a exposición e mesmo realizaron debuxos.

Aquí vos deixamos un pequeno vídeo resumo do evento.

domingo, 31 de xaneiro de 2021

"Mensaxes Enmascaradas"

 Concurso aberto a  ao alumnado de ESO do noso centro no que  buscabamos a foto coa máscara decorada máis orixinal.

sábado, 30 de xaneiro de 2021

Máscaras Ilustradas

 Dentro das actividades organizadas pola Biblioteca para o Día da Paz e con motivo do Día da Ilustración en honor ao nacimento do noso insigne Castelao, temos a honra de presentarvos o traballo realizado polo alumnado de 1º de ESO na materia de Debuxo: poñerlle imaxe á paz sobre máscaras. 

Velaquí o tedes:

 

Pequena presentación dalgunhas das máscaras:
 

xoves, 28 de xaneiro de 2021

DA GUERRA COMA A ARTE/ A ARTE NA GUERRA

Dentro das actividades enmarcadas dentro do DÍA da PAZ, o departamento de Xeografía e Historia organizou  unha charla co título  DA GUERRA COMA A ARTE/ A ARTE NA GUERRA a cargo da historiadora Rosario Sarmiento para o alumnado de de 1º de BAC. 

Pequena reportaxe fotográfica da conferencia AQUÍ.