Biblioteca e EDLG do IES MONTE DAS MOAS
"Ler é soñar da man do outro" Fernando Pessoa

sábado, 22 de marzo de 2025

CONCURSO DE RECITADO POÉTICO "ROSALÍA SEMPRE VIVA"

Na tarde do sábado 22 de marzo as tres alumnas que representaban a nosa escola no Concurso Escolar de Recitado "Rosalía sempre viva" organizado pola Fundación Casa de Manuel María acudiron á Casa de Hortas en Outeiro de Rei para participar co recitado dos seus poemas de Rosalía de Castro ou de Manuel María.

Aínda que non resultaron gañadoras desfrutaron moito da xornada e puideron ver que hai alumnado com moito nivel como as catro rapazas gañadoras ou merecentes dunha mención que o fixeron estupendamente. E tiveron a oportunidade de coñecer a casa museo e gozar dun recital poético que pon en valor os textos da recoñecida Rosalía e do poeta chairego. Fixérono moi ben polo que queremos parabenizar a estas tres valentes recitadoras.

Diseño de Remoe a lingua

venres, 21 de marzo de 2025

Novidades lectoras en Bibliomoas

Xa están no noso expositor algunhas das novidades adquiridas este curso. Temos, por exemplo, a saga Dos amigas da escritora italiana Elena Ferrante, que está a ter moita sona ultimamente, sobre a historia dunha amizade a través do tempo. Tamén adquirimos a novela gráfica de Bea Lema, El cuerpo de Cristo, que foi galardoada co Premio Nacional do Cómic de 2024, sobre o tema da saúde mental. Un par de obras románticas, de María Martínez; algo de teatro contemporáneo, como a obra El chico de la última fila de Juan Mayorga; un par de novelas sobre a diversidade: Como una chispa e Como pez en el árbol... Tamén temos algo de Historia, cunha revisión moi gráfica da Segunda Guerra Mundial e un libriño sobre os palestinos.

Pero imos destacar especialmente dúas obras que nos regalou unha profesora de Lingua do centro, que escribe baixo o seudónimo de María Míguez: Relatos de amor y muerte e Haikiños de luces y sombras. Este último, composto por breves poemas, os haikiños, que ela mesma ilustrou con fermosas imaxes. Gracias, Chus, pola túa achega.








PARTICIPACIÓN NO CONCURSO DE RECITADO DA CASA DE MANUEL MARÍA


Escolares galegos xúntanse este sábado, 22 de marzo, en Outeiro de Rei para recitaren poemas de Rosalía de Castro e Manuel María nunha nova edición, a IX, do Concurso de Recitado “Rosalía sempre viva” que organiza a Casa-Museo Manuel María.

O certame congrega alumnado de ensino non universitario galego, desde primeiro de Primaria até segundo de Bacharelato e ten por obxectivo potenciar a expresión oral e a creatividade dos participantes a través do coñecemento e o recitado da poesía en galego de Rosalía de Castro e da ampla obra poética de Manuel María. A presente edición xa celebrou unha fase previa nos distintos centros educativos que participan.
 
As gañadoras na nosa fase previa e que mañá representarán o IES Monte das Moas no certame son as seguintes:
 
Alejandra Gallego Pérez de 4º ESO B
Adriana Iannone Ferreira de 1º ESO C
Marina Martín Allegue de 1º ESO A
 
A xornada deste sábado estrutúrase en quendas de mañá e de tarde, dado o número de participantes finalistas. Durante a mañá recitarán as categorías 1ª e 2ª, correspondentes ao estudantado de primaria, e durante a tarde a 3ª categoría, que se corresponde con alumnado de secundaria, bacharelato e ciclos formativos. As nosas alumas comezarán o recitado arredor das 16:25 da tarde.
 
Moita sorte para elas!!

luns, 17 de marzo de 2025

Día Internacional das Matemáticas

O pasado 14 de marzo, con motivo do Día Internacional das Matemáticas, o profesorado do noso instituto e a bilioteca escolar, creou un mural especial para conmemorar esta data tan significativa. No mural pódese atopar un poema dedicado ao número π (pi), acompañado de ilustracións e curiosidades sobre esta fascinante constante matemática. Con esta iniciativa, pretendemos achegar ao alumnado a beleza e a relevancia deste número, cuxa presenza é fundamental na xeometría e noutras ramas do coñecemento. Con este proxecto, queremos destacar a importancia das matemáticas de forma visual e atractiva, facendo que esta ciencia resulte máis próxima e interesante para todos. Ademais, queremos agradecer a todos os que colaboraron nesta iniciativa, facendo posible un mural que non só decora o noso centro, senón que tamén nos inspira a ver as matemáticas con outros ollos.




venres, 14 de marzo de 2025

CEIBARRIMAS NAS MOAS, OBRADOIRO DE RAP EN GALEGO

Na maña de hoxe puidemos contar en Moas cun obradoiro ben interesante sobre o rap e a improvisación en galego.

Grazas á colaboración da SXPL achegouse á nosa escola o cantante de Rebeliom do Inframundo, Nervo, quen lles falou da importancia da música en galego e da enorme creatividade e cualidade do hip hop e rap na Galiza actual.

Despois de lles explicar en que consistiu o proxecto Ceibarrimas e de visionaren un vídeo da súa canción Blaquinazo en colaboración con Hard Gz, o alumnado dividiuse en grupos para improvisaren rimas críticas arredor do sistema educativo e nesta presentación podedes ver algúns dos seus marabillosos resultados.

Moito obrigadas a Nervo pola súa dedicación e atención co alumnado que quedou entusiasmado coa visita e motivado para ceibar as súas rimas na nosa lingua, tan necesitada de vitamina de xente moza que viva, cante, soñe e reivindique en galego!!

CEIBARRIMAS NAS MOAS NERVO MARZO 2025 de Remoe a lingua

xoves, 13 de marzo de 2025

PALESTRA DE CULTURA BRASILEIRA

No dia de hoje contamos na nossa escola com a presença da professora de português Carla Nepomuceno para impartir uma interessante palestra sobre cultura brasileira à que assistiu o alunado da ESO que estuda essa língua.

Nela puderam conhecer muitas questões da geografia e costumes e tradições do Brasil com especial atenção à região do Matto Grosso de onde é originária a Carla. Conheceram aspetos arredor da gastronomia, da música, dos eventos do Carnaval para além do conhecido samba e festas no Rio de Janeiro e até cantaram várias canções brasileiras que ela nos trouxe.

Adoramos a palestra e além disso alguns alunos conseguiram livros que a professora ofereceu para eles melhorarem o seu português com umas atividades bem interessantes.

O livro Entre rabiscos com atividades de vocabulário para aprender português está também na nossa biblioteca com a dedicatória da sua autora.















luns, 10 de marzo de 2025

Mulleres matemáticas. 8M

Este curso, para conmemorar o 8 de marzo, Día da Muller, os alumnos de 1º ESO A e 3º ESO C, en colaboración coa Bilioteca do centro, elaboraron uns traballos sobre mulleres matemáticas. A través desta iniciativa, quixemos visibilizar o papel fundamental que tiveron moitas mulleres na historia das matemáticas, a pesar dos obstáculos que atoparon no seu camiño.

Cada alumno investigou sobre unha matemática destacada, aportando datos sobre a súa vida e as súas achegas ao mundo da ciencia. Os traballos están expostos para que toda a comunidade educativa poida coñecer e valorar estas figuras imprescindibles.

Foi unha actividade enriquecedora e un gran traballo colaborativo. Noraboa a todos os participantes!









Mulleres de teatro. 8M 2025

Seguindo con esta sentida iniciativa que a comunidade educativa do IES Monte das Moas leva a cabo dende o ano 2014, dámoslles voz esta vez a marabillosas mulleres do mundo do teatro, ben dramaturgas de hoxe e onte, ben actrices que medraron nas táboas dun escenario. Creadoras e actrices galegas, españolas ou internacionais ás que homenaxeamos en consonancia co lema deste curso proposto pola Asesoría de Bibliotecas escolares: "A Biblioteca escolar a escena!". 
Moitas foron as mulleres que ao longo da historia puxeron o seu graíño de area neste apaixonante mundo das artes escénicas, deixando un gran legado tras delas. Aínda que a historia non as recoñeza como se merecen, hai unha gran listaxe de mulleres dramaturgas ao longo da historia e unha non menos importante nómina de actrices famosas que triunfan na escena contemporánea.
Con motivo da celebración do Día da Muller de 2025 imos dar un repaso a algúns deses nomes que, ás veces, quedaron no esquecemento, e que tentaron destacar nun mundo que, ata hai moi poucos anos, estaba reservado única e exclusivamente aos homes.


O vídeo proxectarase nos recreos e o seu contido queda reflectido na exposición que permanecerá estes días na entrada do centro, acompañada de lecturas vinculadas ás mulleres en xeral, e as mulleres de teatro en particular.