Biblioteca e EDLG do IES MONTE DAS MOAS
"Ler é soñar da man do outro" Fernando Pessoa

luns, 28 de novembro de 2022

VIÑETAS POLA CIENCIA EN GALEGO

 

HÁBITOS DE VIDA SAUDABLE NO MES DA CIENCIA EN GALEGO

Desde o Departamento de Bioloxía e Xeoloxía durante o mes da Ciencia en Galego estivemos investigando sobre a promoción de hábitos de vida saudables, en concreto os relacionados cos aparellos respiratorio e circulatorio. 

O alumnado de 3°ESO fixo como produto final uns carteis nos que fan referencia á importancia de evitar o hábito tabáquico e o consumo de vapeadores ou cachimbas, comer sá para evitar a arterioesclerose e os infartos... e o alumnado de 1°Bach elaborou uns trípticos de divulgación sobre a EPOC, xa que a súa prevalencia aumentou nos últimos anos.

venres, 25 de novembro de 2022

A VIOLENCIA DE XÉNERO AO LONGO DA HISTORIA E DA HISTORIA DA ARTE

A profesora Marta Tato preparou esta exposición para mostrar no 25N nas aulas de Historia de 4º ESO e así facer reflexionar sobre a violencia de xénero ao longo da historia e nomeadamente nas obras de arte.

ENTREVISTA NA CADENA SER POLA CAMPAÑA DO 25N

Aquí podedes escoitar a entrevista ao alumnado de Moas e dúas profesoras do equipo de biblioteca e EDLG coordinadoras da actividade.

xoves, 24 de novembro de 2022

NAS MOAS DÁMOSLLE AS COSTAS Á VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES

Bibliomoas o e EDLG organizaron esta exposición con fotografías de alumnado e profesorado da nosa escola para visibilizar o noso rexeitamento á violencia contra as mulleres neste 25 de novembro. 

No deseño desta exposición implicouse o equipo directivo, o claustro e especialmente o equipo de biblioteca e do EDLG, así como o persoal non docente do centro. E queremos agradecer expresamente a Anxos Fuciños, fotógrafa e deseñadora, e tamén responsable da cafetería do centro e que sempre nos axuda con moreas de cousas, e a Anxo Brañas, conserxe do instituto, a súa implicación na montaxe da exposición.

No IES Monte das Moas dámoslle as costas á violencia contra as mulleres e así loce xa o cartaz lila, xunto a unha pequena selección de literatura contra a violencia de xénero, no vestíbulo de entrada da escola para non deixarmos pasar este 25N sen dicir "NON Á VIOLENCIA MACHISTA".

 QUERÉMONOS VIVAS SEN GOLPES QUE DOAN E SEN PALABRAS QUE FIRAN

 NIN UNHA MÁIS!! NIN UNHA MENOS!!

mércores, 23 de novembro de 2022

PARTICIPACIÓN NO CONCURSO DE YOUTUBEIRAS 2022 DO ALUMNO DE 2º BACH

Xabier Gómez Romero, alumno da nosa escola en 2º Bach C participa con este vídeo no concurso de creación de contidos en galego Youtubeiras. Desfrutade do vídeo e non esquezades votalo para axudarlle e e oxalá poida resultar gañador do certame no que xa participou noutras ocasións.

Podedes ver o vídeo e votar por el nesta ligazón.



martes, 22 de novembro de 2022

PALESTRA DE CULTURA CABOVERDIANA NAS AULAS DE PORTUGUÊS

No dia de hoje as turmas de português da nossa escola puderam aprender muita coisa da cultura caboverdiana graças à interessante palestra dos professores caboverdianos Lourenço Gomes e o Elter Carlos. A actividade foi organizada polo Departamento de Língua e Literatura Galega e o EDLG.

Os professores explicaram para os miúdos das turmas de 1º, 2º e 3º da ESO que estudam português como segunda língua estrangeira, diferentes questões sobre a história, a paisagem, a cultura caboverdiana, a sua gastronomia, as manifestações musicais, o surgimento do crioulo, etc.

Adoramos conhecer o romance O Chiquinho do Baltasar Lopes e a música do "batuku", género musical cantado e tocado por mulheres em Cabo Verde e que foi proibido em época colonial, mas que agora também está presente na nossa Galiza nas terras de Burela.

Foi bem interessante conhecer tanta coisa sobre este fantástico país africano!! Adoramos a visita e ficamos agradecidas pela generosidade dos professores Lourenço, Elter e a Rosário. Sempre serão muito bem recebidos nestas terras da Corunha!! Voltem quando quiserem!!

luns, 21 de novembro de 2022

VISITA DA ESCRITORA BERTA DÁVILA

A escritora Berta Dávila visitou hoxe o noso centro nunha actividade organizada polo Departamento de Lingua Galega e o EDLG, e grazas á colaboración do Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña.

A autora mantivo unha charla co alumnado de 4º da ESO e de 1º de Bach na que lles contou moitas cousas interesantes sobre a súa actividade como poeta, narradora e editora e atendeu amablemente as preguntas do noso alumnado, que se mostrou moi interesado por ter a oportunidade de coñecer esta recoñecida escritora que presentou algunha das súas obras máis valoradas pola crítica e os lectores.









ENTREGA DE PREMIOS DOS MICRORRELATOS E TABOLEIROS DE SAMAÍN

Hoxe no recreo entregamos na biblioteca os premios dos microrrelatos ilustrados e banda deseñada de terror da convocatoria feita polo EDLG para celebrarmos o Samaín. 

As persoas premiadas foron:

Manuela Díaz Real de 1º ESO C

Lola Vieites de 1º ESO B, na modalidade de debuxo

Mariano Salvador Carrillo Gómez de 2º ESO D 

Noa Varela Guzmán de 3º ESO D

Alma Quing Ramas Corrales de 1º Bach B

Alberte Díaz Kirk de 1º Bach B, na modalidade de banda deseñada






E na modalidade de taboleiros de terror para decorar as aulas, resultaron gañadores os grupos de 1º ESO D e 1º ESO A con estes arrepiantes deseños que podedes ver nas fotos:













mércores, 9 de novembro de 2022

EXPOSICIÓN DE INVENTOS GALEGOS NO MES DA CIENCIA

Para conmemorar o Mes da Ciencia en Galego e a ciencia feita en Galicia, o alumnado de 1º ESO nas aulas de Lingua Galega e Literatura deseñou estas maquetas de coñecidos inventos galegos ou realizou os seus propios inventos que podedes ver expostos no vestíbulo da nosa escola. Canta creatividade e que marabilla de nov@s inventor@s!!


EXPOSICIÓN SOBRE MULLERES XEÓLOGAS

Para conmemorar este mes da Ciencia en Galego, o Departamento de Bioloxía e Xeoloxía, en colaboración co EDGL da nosa escola, organizou esta fantástica exposición sobre mulleres xeólogas da autoría de Rosa María Mateos e Ana Ruiz Constán con fermosas ilustracións de Nívola Uyá que edita a Sociedade Xeolóxica de España.

Estamos desexando poder adquirir este libro para completar os nosos fondos da biblioteca, libro de cuxa tradución se encargou Irene Pérez Cáceres. Mentres, podedes desfrutar do traballo destas mulleres xeólogas no vestíbulo de entrada do instituto durante este mes de novembro.

Aquí podedes ver a publicación enteira: XEAS, MULLERES QUE ESTUDAN A TERRA.

 Deixámosvos tamén as fotos da exposición nos taboleiros.





EXPOSICIÓN SOBRE A PAISAXE NO MES DA CIENCIA EN GALEGO

Para inaugurarmos o Mes da Ciencia en Galego, o EDLG do instituto colaborou cos departamentos de Ciencias na organización de actividades e exposicións e velaquí tedes a primeira.

O alumnado de 1º ESO A e B realizou uns traballos de investigación grupais para a materia de Bioloxía e Xeoloxía, nos que tiveron que elixir unha paisaxe deteriorada de Galicia, indagar sobre ela, e propoñer un plan para restaurala. Mirade que bonitos quedaron os traballos que podedes ver expostos no corredor das aulas de 1º ESO. Cantas paisaxes poderiamos salvar!!













martes, 8 de novembro de 2022

VISITA A COMPOSTELA CO ALUMNADO DE 3º ESO

O Departamento de Lingua Galega, coa colaboración do EDLG e o Departamento de Historia organizaron unha visita en tren á cidade de Compostela. 

Que emoción! Hoxe o alumnado de 3º de ESO viaxe en tren ata a capital de Galicia. A primeira vez para varias persoas.

Chegamos á estación nerviosas porque para todo o mundo era a primeira vez que no instituto se ía en tren, alí chegaron emocionadas e puntuais. Mesmo había algunhas mamás por se algo fallaba. Subimos e aló fomos, emocionadas! Polo camiño o profe de historia foilles contando o que se vía pola ventás: o rural galego e as súas características.

Chegamos a Compostela, repartimos un plano da Compostela medieval cun par de cantigas e fomos até o símbolo da cidade: as Marías. Moitas non sabían da súa historia e quedaron moi sorprendidas. Despois das fotos pertinentes paseo de investigación pola alameda para descubrir as estatuas de Rosalía, Lorca e Valle-Inclán e tamén a árbore dos namorados e a magnífica vista da Compostela medieval.

Entramos na vila por porta Faxeira e comezou a visita a intramuros (aínda que hoxe non haxa practicamente restos desas murallas). Fomos pasando polas ruelas até chegar á praza de Mazarelos. Alí vimos a casa onde viviron Rosalía de Castro e Manuel Murguía e a continuación a Facultade de Xeografía e Historia (o profe quixo lembrar vellos tempos e aló foi buscar a súa orla!! E Adrián foi ver a súa nai!!!). Despois das explicacións pertinentes tiramos ata o mercado municipal.

Achegábanse as 12 e tiñamos cita para visitar o Parlamento de Galicia, lugar importantísimo na nosa vida pois alí decídese o noso futuro e a nosa vida cotiá (a educación, a sanidade... todo depende de alí). Recibíronnos no salón dos reis para comezar a visita; aquí, entre outras cousas, vimos os sete escudos das antigas provincias galegas. A seguir fomos coñecer as representantes do pobo galego no Parlamento, alí puidemos verlles a cara, en fotografía, e un pouco da súa biografía.

A continuación fomos á biblioteca pasando polos corredores ateigados de pinturas marabillosas (Lugrís, Quesada, Peteiro..., homes practicamente todos, por certo. Onde estará a pintura feminina nesta colección de arte?) 

A bibiblioteca Xeración Nós ten unha colección única dedicada a Ricardo Carvalho Calero.

Para rematar asistimos un anaco á sesión plenaria que, por certo, estaban debatendo unha moción sobre educación presentada polo BNG. No momento de entrar defendía a proposta Manuel Lourenzo, a continuación falaron as representantes de PSOE e PP. Moi interesante ver o debate en directo para comprobar como se traballa, como se defende e como se fala do pobo galego. A rapazada veu moi sorprendida!




Despois do xantar quedamos na praza do Obradoiro para coñecer as reviravoltas da catedral por fóra e por dentro así como as prazas que a rodean. Unha marabilla!

Un día emocionante, entretido e moi proveitoso grazas ás explicacións de Mikel e Alberto. Moitas grazas!
E desde aquí queremos darvos os parabéns polo voso comportamento, así si que presta ir de excursión!!!