Biblioteca e EDLG do IES MONTE DAS MOAS
"Ler é soñar da man do outro" Fernando Pessoa

luns, 11 de maio de 2026

CELEBRANDO OS MAIOS NO CENTRO DE DÍA DE EIRÍS

Este luns 11 de maio celebramos unha das festas máis tradicionais e representativas da cultura galega: os Maios, unha celebración popular que dá a benvida á primavera e que está moi vinculada á natureza, á fertilidade e ao renacer da vida. Desde hai séculos, en moitas vilas e cidades de Galicia, as persoas elaboran maios con flores, fiúnchos, musgo, ovos ou froitas para crear figuras cheas de cor e imaxinación. Ademais, esta festa vai acompañada das coplas, composicións satíricas e humorísticas nas que se comentan feitos da actualidade, costumes ou situacións da sociedade. Os Maios son unha mostra da riqueza do noso patrimonio cultural e da importancia de conservar as tradicións populares que forman parte da nosa identidade colectiva. A través desta celebración, mantemos viva unha festa que une música, creatividade, lingua e participación da comunidade.

É por iso que este curso quixemos ir cantar en contar ao Centro de día de Eirís en colaboración coa biblioteca do Castrillón (co seu grupo Obxectivo Biblioteca) e o CEIP Juan Fernández Latorre. Preparamos unha pequena representación teatral para explicar en que consiste esta celebración, adiviñas para ver se as usuarias do centro eran quen de adiviñar a solución e uns refráns truncados para, entre todos, unir as dúas metades. Tamén nos tiñan preparada unha sorpresa coa canción de Habelas hainas titulada "Maios"
Foi un encontro precioso que deixou caras de satisfacción, alegría e ilusión compartida.
Grazas, Alicia, por abrirnos a biblio!
Grazas, Olga Kirk, por nos aprender a canción tradicional dos maios.
Grazas, Nuria, directora do Centro de Día, por deixarnos entrar nos vosos corazóns.
Grazas, María, por te implicares connosco nesta aventura (mágoa que non puideses vir).
E grazas, rapazada, por deixarvos liar nestas aventuras!
















Ningún comentario:

Publicar un comentario