O luns 27 e abril tivemos a sorte de que nos visitase no centro a escritora Abril Camino para nos falar do seu libro Mulleres que viven xuntas. Esta foi a obra de lectura para o terceiro trimestre do alumnado de 1º de Bacharelato e tamén o lemos no club de lectura de adultas Café con letras.
Esta obra convidounos a reflexionar sobre as relacións humanas, a convivencia, a amizade, os afectos e tamén sobre os conflitos e os desafíos da vida compartida. En Mulleres que viven xuntas atopamos historias que falan da identidade, da independencia, da procura do propio lugar no mundo e da importancia dos vínculos entre as persoas. A historia de Chus e Isabel amosa esa invisibilidade das relacións entre mulleres ao longo da historia baixo o paraugas da amizade. Foi unha oportunidade moi especial poder coñecer de primeira man o proceso de creación da novela, descubrir como nace unha historia, como se constrúen as personaxes e conversar coa autora sobre os temas que aparecen na obra.






















