Biblioteca e EDLG do IES MONTE DAS MOAS
"Ler é soñar da man do outro" Fernando Pessoa

venres, 15 de marzo de 2024

ENTREGA DE PREMIOS ÁS ALUMNAS GAÑADORAS DO CONCURSO DE DESEÑO DUN POEMA DE ROSALÍA

Co gallo do Día de Rosalía de Castro, o EDLG e a Biblioteca organizamos un concurso de deseño ou decoración dun poema da ilustre poeta do noso Rexurdimento e hoxe no segundo recreo na biblioteca o noso alumnado colaborador do Voluntariado de Biblioteca entregoulle ás alumnas gañadoras o seu merecido premio.

Parabéns a todo o alumnado participante e especialmente ás gañadoras!! Foi moi chulo ver a vosa creatividade para tinguir de cores e deseños os fermosos poemas escollidos por vós!!









martes, 12 de marzo de 2024

EXPOSICIÓNS 8M. MULLER E ILUSTRACIÓN.

Velaí o resultado do noso traballo para o 8M, relacionado con muller e ilustración. Seguindo con esta sentida iniciativa que a comunidade educativa do IES Monte das Moas leva a cabo dende o ano 2014, dámoslle voz esta vez a marabillosas personaxes femininas de banda deseñada, ben personaxes ficticias, ben mulleres reais que se converteron en personaxes de cómic. Trátase de personaxes da banda deseñada máis feminista, empoderadas ou mulleres reais ou imaxinadas, retratadas na BD que dende diferentes eidos desenvolveron e realizaron traballos importantes e que deixaron pegada ou abriron camiños inexplorados ata ese momento.

Acompañámolas cunha exposición das novelas gráficas e cómics que temos na nosa biblioteca. Enfronte temos tamén a expo de mulleres ciéntíficas que fixemos polo Día da nena na ciencia.
Todos poderemos desfrutar destas exposicións na entrada do instituto durante quince días.




venres, 8 de marzo de 2024

DESEÑOS PREMIADOS NO CONCURSO DE DECORACIÓN DUN POEMA DE ROSALÍA DE CASTRO

Velaquí tedes os deseños premiados no Concurso de Poemas Decorados de Rosalía de Castro son os seguintes:

Na categoría de 1º BACH:

Astrid Daniela Molina Guerra (1º Bach A)

Carla Souto Duro (1º Bach B)

Sofía Calderón Iglesias (1º Bach B)

Alma Carneiro Medal (1º Bach B)

Na categoría de 3º ESO:


Martina Ferrín Sabio (3º ESO B)

Paula González Portas (3º ESO B)

Andrea Abeledo (3º ESO E)

Rita Olga Ben Fernández (3º ESO C)


EXPO DE BD E NOVELA GRÁFICA CON PERSONAXES FEMININAS

Para acompañar a nosa exposición sobre mulleres e banda deseñada temos estes días na biblioteca unha exposición de libros de cómics e novela gráfica onde as mulleres son as protagonistas.


8M: PERSONAXES FEMININAS EMPODERADAS NA BD E NA ILUSTRACIÓN

Neste curso Bibliotecas Escolares de Galicia escolleu o tema de Unha biblioteca escolar en viñetas para darlle visibilidade á banda deseñada e fomentar o traballo arredor dos cómic e do álbum ilustrado.

O EDLG e Bibliomoas decidimos que a nosa habitual homenaxe ás mulleres traballadoras no 8M ía xirar arredor de personaxes femininas da BD ou da ilustración, o que nos serve tamén para conmemorar o Día da Banda Deseñada o 18 de marzo. 

E velaquí tedes o resultado: unha exposición ben comiqueira e que estará exposta estas semanas tamén no vestíbulo de entrada ao instituto para que toda a comunidade educativa poida coñecer varias figuras feministas e empoderadas que transitan e transitaron con forza nas páxinas dos cómic.

Parabéns a todas as mulleres neste noso día!! 

xoves, 7 de marzo de 2024

EXPOSICIÓN 8M: PERSONAXES FEMININAS DA BANDA DESEÑADA E DA ILUSTRACIÓN



Seguindo con esta sentida iniciativa que a comunidade educativa do IES Monte das Moas leva a cabo dende o ano 2014, dámoslle voz esta vez a marabillosas personaxes femininas de banda deseñada, ben personaxes ficticias, ben mulleres reais que se converteron en personaxes de cómic. Trátase de personaxes da banda deseñada máis feminista, empoderadas ou mulleres reais retratadas nas BD que dende diferentes eidos desenvolveron e realizaron traballos importantes e que deixaron pegada ou abriron camiños inexplorados ata ese momento. A día de hoxe aínda teñen que demostrar a súa valía, de aí a importancia de poñerlles cara, mesmo ilustrada.

Demos paso pois ás figuras relevantes homenaxeadas neste Día da Muller de 2024 no que queremos amosar a súa relevancia e fortaleza desde o mundo da banda deseñada ou da ilustración.

Os cómics feministas están de máxima actualidade. O feminismo e a loita pola igualdade entre homes e mulleres é un asunto que non pasa desapercibido no mundo da banda deseñada. Desde que comezamos a ter uso de razón afacémonos a que todo heroe masculino ten o seu homónimo feminino. Spiderman/Spiderwoman; Hulk/Hulka; Batman/Batwoman; Superman/Supergirl, e un longo etc. Este fenómeno é complicado velo como un progreso social do feminismo, máis cando os seus intereses son exclusivamente comerciais. Cando lemos a Hulka ou a Capitá Marvel, non falamos por tanto de cómics feministas en sentido estrito.

Con todo, nas últimos décadas si que estamos a asistir á xeralización da muller no mundo do cómic, tanto no proceso de creación do mesmo, como na temática. Por iso queremos recomendar unha serie de lecturas que consideramos indispensables para comprender a loita feminista. Novelas gráficas debuxadas por homes ou mulleres, pero onde as verdadeiras protagonistas das historias son as propias mulleres ou cómics feministas no seu sentido máis amplo.

luns, 4 de marzo de 2024

PROXECTO REINO DE GALIZA

Rematamos unha etapa especial no noso instituto! 

Grazas a Raquel Germade, Xoán Curiel a Carlos Freire que se achegaron para traernos parte da nosa historia a través deste marabilloso proxecto sobre o Reino de Galicia. Foi diferente e interesante asistir ao concerto participativo e ir vendo aos poucos como se desenvolvía o mural. Unha experiencia que pensamos que será inesquecible!  

 












 

venres, 1 de marzo de 2024

PREMIOS ÓS MELLORES LECTORES

 O pasado mércores entregamos na biblioteca os premios aos mellores lectores, que conseguiron rematar un e hasta dous lecturómetros. Noraboa!


Son Great Nwalima (2º ESO) e Sara Eiroa, Sandra Rodríguez, Daniela Gallego, David Gómez e, ainda que non está na foto, Alba Paredes (1ºESO)




mércores, 28 de febreiro de 2024

INAUGURACIÓN DA BIBLIOTECA INCLUSIVA

A semana pasada, o 28 de febreiro, inauguramos a nosa biblioteca inclusiva, grazas á colaboración do noso alumno Daniel Collazo Barcia, que, como colaborador da biblioteca escolar, buscou os pictogramas relativos ás materias e dirixiu a súa colocación para que o acceso aos materiais sexa máis claro para todos, e, en especial, para o alumnado con necesidades educativas especiais.

Grazas, Daniel, pola túa implicación!