Este pasado sábado faleceu aos 61 anos a escritora Almudena Grandes, unha das figuras máis importantes da literatura en español. A autora, que nos últimos anos estaba embarcada nun ambicioso proxecto no que daba voz aos derrotados do século XX español, anunciou hai algo máis dun mes na súa columna en 'El País Semanal' que padecía cancro desde había pouco máis dun ano.
A autora de obras como Las edades de Lulú (1989), Malena es un nombre de tango (1994) ou El corazón helado (2007), entre outros, recibiu ao longo da súa traxectoria diversos recoñecementos, como o Premio Nacional de Narrativa (2018), o Premio de Xornalismo Internacional 2020 do Club Internacional de Prensa ou o Premio Fundación José Manuel Lara (2008).
Coa súa obra Las edades de Lulú obtivo o Premio La Sonrisa Vertical, en 1989. Esta obra, que adaptou ao cine Bigas Luna en 1990, foi a primeira de oito novelas, ademais dos seus Episodios de una guerra interminable, que comezou a escribir en 2010 e nos que relatou a resistencia antifranquista tras a Guerra Civil e até 1964, e dous libros de relatos.
Lamentablemente non poderá escribir máis obras magníficas, mais na nosa biblioteca tedes ao voso dispor algunha das súas mellores obras, varias tamén adaptadas ao cinema. De esquerdas, republicana e anticlerical, esta analista do seu tempo, de pluma precisa e certeira, ben merece vivir eternamente a través do legado das súas obras que non queremos deixar de recomendarvos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario