Biblioteca e EDLG do IES MONTE DAS MOAS
"Ler é soñar da man do outro" Fernando Pessoa

martes, 8 de novembro de 2022

VISITA A COMPOSTELA CO ALUMNADO DE 3º ESO

O Departamento de Lingua Galega, coa colaboración do EDLG e o Departamento de Historia organizaron unha visita en tren á cidade de Compostela. 

Que emoción! Hoxe o alumnado de 3º de ESO viaxe en tren ata a capital de Galicia. A primeira vez para varias persoas.

Chegamos á estación nerviosas porque para todo o mundo era a primeira vez que no instituto se ía en tren, alí chegaron emocionadas e puntuais. Mesmo había algunhas mamás por se algo fallaba. Subimos e aló fomos, emocionadas! Polo camiño o profe de historia foilles contando o que se vía pola ventás: o rural galego e as súas características.

Chegamos a Compostela, repartimos un plano da Compostela medieval cun par de cantigas e fomos até o símbolo da cidade: as Marías. Moitas non sabían da súa historia e quedaron moi sorprendidas. Despois das fotos pertinentes paseo de investigación pola alameda para descubrir as estatuas de Rosalía, Lorca e Valle-Inclán e tamén a árbore dos namorados e a magnífica vista da Compostela medieval.

Entramos na vila por porta Faxeira e comezou a visita a intramuros (aínda que hoxe non haxa practicamente restos desas murallas). Fomos pasando polas ruelas até chegar á praza de Mazarelos. Alí vimos a casa onde viviron Rosalía de Castro e Manuel Murguía e a continuación a Facultade de Xeografía e Historia (o profe quixo lembrar vellos tempos e aló foi buscar a súa orla!! E Adrián foi ver a súa nai!!!). Despois das explicacións pertinentes tiramos ata o mercado municipal.

Achegábanse as 12 e tiñamos cita para visitar o Parlamento de Galicia, lugar importantísimo na nosa vida pois alí decídese o noso futuro e a nosa vida cotiá (a educación, a sanidade... todo depende de alí). Recibíronnos no salón dos reis para comezar a visita; aquí, entre outras cousas, vimos os sete escudos das antigas provincias galegas. A seguir fomos coñecer as representantes do pobo galego no Parlamento, alí puidemos verlles a cara, en fotografía, e un pouco da súa biografía.

A continuación fomos á biblioteca pasando polos corredores ateigados de pinturas marabillosas (Lugrís, Quesada, Peteiro..., homes practicamente todos, por certo. Onde estará a pintura feminina nesta colección de arte?) 

A bibiblioteca Xeración Nós ten unha colección única dedicada a Ricardo Carvalho Calero.

Para rematar asistimos un anaco á sesión plenaria que, por certo, estaban debatendo unha moción sobre educación presentada polo BNG. No momento de entrar defendía a proposta Manuel Lourenzo, a continuación falaron as representantes de PSOE e PP. Moi interesante ver o debate en directo para comprobar como se traballa, como se defende e como se fala do pobo galego. A rapazada veu moi sorprendida!




Despois do xantar quedamos na praza do Obradoiro para coñecer as reviravoltas da catedral por fóra e por dentro así como as prazas que a rodean. Unha marabilla!

Un día emocionante, entretido e moi proveitoso grazas ás explicacións de Mikel e Alberto. Moitas grazas!
E desde aquí queremos darvos os parabéns polo voso comportamento, así si que presta ir de excursión!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario